O PSOE denuncia a situación irregular do SAF miñense

Manuel Vázquez Faraldo é o voceiro do PSOE de Miño

O PSOE denunciou a situación “irregular” do servizo de axuda a domicilio de Miño, que está en “prórroga forzosa” desde agosto de 2017. Os socialistas explican que o contrato xa rematou todas as prórrogas posibles xa que foi adxudicado en 2013 por un prazo de dous anos e prevíase nos pregos dúas prórrogas, xa extinguidas.

Os socialistas atribúen a situación ao “caos organizativo do Concello” e afean ao goberno local que non iniciase o proceso de contratación ata finais de 2017 e que establecese uns prezos que limitasen a concorrencia e obrigasen a declarar deserto o concurso.

O PSOE revelou a existencia dun escrito da concesionaria, datado en abril deste ano, no que advertía ao Concello de que non podía manter a situación de forma indefinida e no que afirmaba que a xestión do servizo estáballe xerando perdas. Un acordo posterior co Concello tería paliado este problema.

O executivo local nega que esta situación repercuta na calidade do servizo que reciben os usuarios e sostén que ese acordo coa concesionaria permite manter a prestación e evitar posibles problemas coa subrogación do persoal. “Revisouse o prezo por hora de servizo e vaise a sacar a licitación de novo”, aseguran, avanzando que o prego de cláusulas técnicas está “prácticamente listo” e que sairá a contratación “canto antes”.