Oroza gábase de superávit cunha conta xeral que dá 7,9 millóns de resultado negativo

Oroza coa deputada de En Marea Yolanda Díaz

O goberno local de Miño gabouse onte dun remanente de tesourería positivo na conta do pasado 2017. Segundo o tándem que conforma Oroza e o PP, dito remanente positivo débese ao “programa de racionalización do gasto deseñado pola Alcaldía en 2015”. Isto leva a Oroza a asegurar que “o goberno local logra os obxectivos de aforro marcados”.

O que o comunicado da alcaldía miñense silencia é que a conta xeral de 2017, que hoxe irá a pleno, dá un resultado orzamentario negativo de 7,9 millóns, un aforro neto tamén negativo de 1,48 millóns e unha débeda total á pechadura do exercicio de 15 089 423 euros. Así as cousas, a débeda viva do Concello representa un 278,7 por 100 dos ingresos correntes liquidados en 2017 (5 413 870 euros) e apunta como un dos escasos aspectos positivos á existencia dun remanente de tesorería para gastos xerais de 1 053 923 euros- dato no que se centra exclusivamente o goberno.

O documento leva un informe da Intervención que demanda “responsabilidade política para corrixir a cifra de aforro neto negativo” e para garantir “o principio de sostenibilidade financeira dentro dos límites de déficit, débeda pública e morosidade desde o próximo exercicio 2019 ata 2025”  a causa do pago das cotas do millonario préstamo para pagar aos expropiados de Fadesa que este ano comezará a pagarse coa primeira cota do crédito de 12,5 millóns máis os 700 000 euros que deberá devolver a Facenda local polo ingreso indebido do canon urbanístico de Monte Piñeiro.

É bo o remanente?

Segundo explica o Sistema de Información Económica Local, o remanente de tesorería é un saldo que permite coñecer, ao final do exercicio, a solvencia ou capacidade económica que ten unha administración para afrontar as súas débedas. Para iso se cuantifican, por unha banda, os fondos líquidos da institución (diñeiro en caixa e bancos) máis os dereitos recoñecidos pendente de cobro, restando a todo iso as obrigacións que están pendentes de pago.
Estes dereitos e obrigacións recoñecidas fan referencia a operacións presupuestarias (do exercicio corrente e de exercicios pechados) e extrapresupuestarias- as que se fan pero non figuraban no orzamento e fan variar a imaxe da conta xeral con respecto ao orzamento inicialmente aprobado.

Este Remanente axustado, si é positivo podería utilizarse para financiar determinadas modificacións presupuestarias, pero si é negativo debe ser recuperado no exercicio seguinte ou presentar un plan financeiro sobre a súa recuperación. Xa que logo, expresa mellor que calquera outro indicador a capacidade das entidades para facer fronte aos seus compromisos financeiros.

Cada partida dará un remanente parcial, resultado de executar ou non o crédito previsto, ou desviarse na súa execión por exceso. No fondo, pois, amosa que se gastou de forma diferente ao previsto no orzamento.