Miño queda sen dous operarios para xardíns por unhas bases de contratación irregulares

Oroza coa deputada de En Marea Yolanda Díaz

A Xunta de Galicia, a través da xefatura territorial de Emprego, advertiu o pasado mes de xullo ao Concello de Miño das irrgularidades que incluíra nas bases para contratar dous operarios de limpeza e mantemento de zonas verdes que o executivo miñés pretendía contratar ao abeiro dun programa autonómico.

O ente dependente da Consellería de Emprego rexeitou as bases propostas polo executivo municipal, que encabeza o independente Ricardo Sánchez Oroza e conforma o PP. Segundo Emprego, as bases para a contratación de dúas persoas en risco de exclusión social perceptoras da Risga non podían ser aceptadas porque contraviñan a orde reguladora da axuda.

Nun escrito dirixido ao Concello o pasado 20 de xullo, a Oficina de Emprego de Betanzos trasladou ao Concello de Miño o desacordo da Xunta coas bases aprobadas polo Concello por “prever a aprobación polo alcalde da lista definitiva de preseleccionados”, establecer “unilateralmente os criterios a ter en conta para a selección” e “facer recaer no alcalde a competencia para designar ás persoas que integrarán o grupo de traballo”.  Á vista do escrito autonómico, o alcalde resolveu a finais de xullo desistir do proceso.

O PSOE, que denunciou o acontecido, cualificou onte de “inaudito” o sucedido e atribuíu os feitos ao “afán de poder e control do alcalde” por pretender “reservarse en exclusiva o poder de decidir a lista definitiva”. O seu portavoz, Manuel Vázquez Faraldo, tachou ao rexedor de “cacique” e lamentou o atraso na “moi necesaria” contratación de dous operarios de mantemento de zonas verdes que, criticou, non empezarán a traballar ata despois do verán.