Miño, obrigado a pagar sen demora 8 millóns como xuros da expropiación de Fadesa

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu varios autos nas últimas semanas nos que aprema ao Concello de Miño a abonar sen máis dilación os xuros de demora aos expropiados pola macrourbanización de Fadesa. Os xuíces dan quince días de prazo ao Concello para proceder ao pago dos intereses e advirten ao goberno local de que se enfronta a responsabilidades penais en caso de incumprir estes requirimentos.

O global deste exhorto non se coñece, dado que o Superior fixo cada mandamento de forma individualizada por cada predio expropiado, aínda que os representantes dos expropiados sitúan o motante total nuns oito millóns de euros, cifra a todas luces inasumible para Miño, cun orzamento anual duns seis millóns e que arrastra dous empréstitos para pagar o principal da débeda de Fadesa duns quince millóns.

O goberno local aseguraba en outubro que non podía facer fronte a esa débeda nas alegacións formuladas diante da Xustiza por esa reclamación de pago. Sánchez Oroza xa avanzou que recorrerá estes autos xudiciais ordenando o pago, asegura, para saber a canto ascende o importe total da débeda.

Este requirimento coincide no tempo coa primeira cota do empréstito de 12,5 millóns que Oroza e o PP solicitaron para pagar o principal cos expropiados. O executivo admitiu que carecía dun plan que garantise a devolución dos préstamos concertados, unha cuantía que se vería agora incrementada polos intereses de demora, que poderían superar os oito millóns de euros.