A Deputación exime de aportar cofinanciamento a Miño para o campo de Gallamonde

Un partido da AD Miño en Gallamonde

O alcalde de Miño, Ricardo Sánchez Oroza, e o seu tenente alcalde, Jesús Veiga, mantiveron onte unha xuntanza na Deputación co presidente da entidade, Valentín Formoso. Un dos temas abordados na reunión foi o proxecto de dotación dun novo terreo de xogo de céspede artificial para o campo de fútbol do municipio, despois de que a Deputación anunciara, o pasado mes de setembro, o seu compromiso de cofinanciar as obras cunha partida económica de 100.000 euros.

Os responsables do goberno municipal trasladaron ao presidente a imposibilidade de asumir con recursos propios a parte que lle correspondería do financiamento destes traballos, que suporían unha achega de arredor de 75.000 euros.

Ante esta situación, e dadas as dificultades para utilizar o actual terreo de xogo, a Deputación estaría disposta a asumir o 100% do custe total das obras cunha achega de 175.000 euros, que deberá articularse nun próximo expediente de modificación de créditos.

“Nos últimos meses tivemos a ocasión de falar coa directiva da A.D. Miño e de coñecer in situ o mal estado actual do campo, no que xogan e adestran nove equipos de diferentes categorías e idades. Entendemos que é unha obra necesaria; polo que estamos dispostos a asumila na súa totalidade”, afirmou o presidente da Deputación.

Transferencia da estrada da Praia Grande

Outro do asuntos abordados na reunión foi a posible transferencia ao Concello de Miño da titularidade do tramo urbano da estrada provincial DP 4803 que dá acceso á praia Grande de Miño.

Os responsables do Goberno provincial expresaron a vontade política do executivo de transferir aqueles tramos máis urbanos da rede de estradas provincial aos concellos, pero apuntaron que este proceso realizarase tras un estudo conxunto das necesidades na provincia e en grupos, non de xeito individual.

Indicaron ademais que se trata dun proceso lento e complexo debido á súa tramitación burocrática, que require de informes de numerosos departamentos (Intervención, Vías e Obras, Patrimonio…) que deben despois ser referendados polo Consello da Xunta.