Arquivan a denuncia contra Maceiras e Veiga por fraccionar contratos

Jesus Veiga e Juan Maceiras (PP)

O Xulgado de Instrución número 4 de Betanzos arquivou a denuncia do PSOE contra os exalcaldes de Miño Juan Maceiras e Jesús Veiga, ambos do PP, por un suposto delito de prevaricación administrativa. O PSOE denunciara o fraccionamento de contratos na antesala das eleccións municipais de 2007 e aseguraron que o rexedor e o seu tenente alcalde reduciran a contía dos traballos “para beneficiar a determinadas mercantís” ao evitar unha licitación pública.

O xulgado etende que procede o sobreseimento provisional xa que “o único que existe na presente causa son sospeitas ou conxecturas”. Centrándose en dúas das obras, o xuíz considera que estaría “plenamente xustificado naquel momento” o fraccionamento dos contratos porque “non existía a partida orzamentaria total e suficiente para o inicio dos traballos” polo que procedía “a execución das mesmas (…) de forma parcial”. Apoia tal aserto nos testemuños de interventora e secretaria, que aseguraron que na altura “non había formalmente os fondos necesarios”.

O xuíz tampouco considera que Juan Maceiras ou Jesús Veiga puidesen cometer un delito de prevaricación administrativa polo levantamiento dos reparos, ao facerse “conforme aos parámetros normativos apuntados”. O xuíz non descarta que poida “existir algunha irregularidade administrativa na tramitación dos expedientes”, mais non tería “en absoluto o alcance e a entidade para configurar un tipo penal”.

A sentenza non é firme e o PSOE presentou xa un recurso de apelación ao entender que o xuíz limita sen motivo a investigación a só dous dos contratos denunciados e porque, alegan, basea parte das conclusións “na simple manifestación dos investigados”. Tras declarar no xulgado de Betanzos o pasado abril, Jesús Veiga, avanzou a súa intención de interpoñer unha querella contra o PSOE por calumnias. “As eleccións non se gañan nos xulgados, gáñanse no pobo”, advertiu aos socialistas.