O Ministerio de presidencia descarta reclamar a titularidade do Pazo de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás polo BNG

Patrimonio Nacional, organismo do Ministerio de Presidencia descarta iniciar o proceso para reclamar a titularidade do pazo de Meirás. Descarta abrir o proceso para esixir a propiedade deste inmoble propiedade dos herdeiros de Franco e afirma non estar “lexitimado” para reivindicar a súa titularidade porque “nunca foi propiedade do Estado”.

O organismo respondeu por escrito á Deputación da Coruña que a lexislación non permite que pazo de Meirás se integre no Patrimonio do estado. Coa súa resposta, desenténdese da posible venda do Pazo, que os Franco sacaron ao mercado por oito millóns de euros.

Escúdase nun informe da Abogacía do Estado para xustificar a súa negativa a presentar unha demanda pola simulación do contrato de compraventa en 1941 tal e como pedía a Deputación coruñesa. O organismo encargado da asesorar xurídicamente ao Goberno considera improcedente a intervención do Ministerio pese a recoñecer no seu informe que o pazo de Meirás funcionou como residencia oficial de veraneo de Francisco Franco durante toda a ditadura e que o seu mantemento e reformas se costearon con fondos públicos.

“Isto enténdese sen prexuízo das posibles infracciones administrativas e contables e ata a comisión de feitos delituosos que se produciron. Pero en todo caso, as responsabilidades administrativas e penais entendémolas extinguidas pola morte dos seus autores, dado que o falecemento do ditador Franco produciuse produciuse en novembro de 1975”, conclúe Abogacía do Estado, que non se pronuncia sobre o feito de que os herdeiros do ditador pretendan agora obter oito millóns de euros coa venda deste inmoble.

No seu informe, Abogacía do Estado dá por válidas as conclusións da Diputación, que fundou a súa reivindicación no feito de que este inmoble foi doado ao dictador en 1938 en calidade de “xefe de Estado” e que durante toda a ditadura pagouse o seu mantemento e reformas de diñeiro público. O feito de que Franco aceptase a donación en 1938 para tres anos despois, en 1941 asinar a súa compra ante notario, levou a expertos xurídicos da Xunta Prol Devolución do pazo de Meirás a suscitar como posible vía para a súa recuperación a de reclamar xudicialmente a anulación do título de compraventa ao existir probas de que se tratou dun “negocio ficticio”.

Nin Patrimonio Nacional nin Abogacía do Estado se pronuncian sobre o feito de que o pazo que foi pagado a través de cuestacións en moitos casos forzosas, recortes en nóminas de funcionarios e achegas dos concellos pasase a ser propiedade do dictador. “Sexa adquirido polo Xeneral Franco a título lucrativo, é dicir, por doación, ou a título oneroso, por compraventa, foino en concepto privado, por iso non foi inventariado por Patrimonio Nacional”.

Os organismos estatais argumentan que non procede reivindicar a titularidad do pazo porque a reclamación non ten encaixe nin na lei de patrimonio de 1940 nin na de 1982. Aínda que esta última lei recolle que deben integrarse no Patrimonio Nacional as doacións ao xefe do Estado, Abogacía do Estado argumenta que non procede a súa aplicación con carácter retroactivo

A resposta do organismo estatal non desanima ao Goberno provincial nin á Xunta Prol Devolución do Pazo de Meirás, que se reuniu o pasado martes para analizar a resposta e consensuar as medidas. A vicepresidenta provincial, Goretti Sanmartín (BNG), avanza que trasladará a petición de reclamar o pazo de Meirás para o patrimonio público ao Ministerio de Presidencia, que dirixe Soraya Sáenz de Santamaría.

A Deputación incide en que o informe de Patrimonio Nacional demostra a “solidez do informe xurídico”, dado que admite que o pazo funcionou como residencia oficial e que o seu mantemento e reforma foron costeados con diñeiro público. O Goberno provincial lamenta que Patrimonio Nacional “eluda responsabilidades” e afirma que continúan abertas as vías para a reclamación xudicial. “Patrimonio Nacional sinala que non se senten lexitimados para iniciar o proceso, o que non significa que haxa outras instancias que teñan que mover ficha”, advirte.