Un menor atropelado en Miño e unha moza excarcerada en Burricios

Parque infantil no centro de Miño, na praza do Mercado

Un menor de idade foi atropelado en Miño e unha moza tivo que ser liberada do interior do seu vehículo accidentado en Oza-Cesuras. Pasadas as 19,30 horas do luns, en Miño foi atropelado un menor cando se desprazaba polo Parque do Mercado. Foi un veciño quen chamou ao 112 Galicia para pedir asistencia médica urxente, polo que o neno foi evacuado nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.

O menor foi trasladado en ambulancia asistencial ao hospital materno-infantil Teresa Herrera, pero non se teme pola súa vida, segundo informaron a Europa Press fontes asistenciais.

Por outra banda, os servizos de emerxencias tiveron que liberar a unha moza atrapada no interior dun turismo que se saíu da vía cando circulaba pola DP-3203, ao paso polo concello de Oza-Cesuras.

Segundo informa Europa Press, o sinistro ocorreu ás 18,30 horas do luns, cando o vehículo no que viaxaba a ferida se saíu da calzada e chocou contra a barreira de protección no lugar de Burricios. Como consecuencia do impacto, a muller quedou atrapada e necesitou da axuda dos efectivos do GES de Curtis para abandonar o vehículo e ser atendida polos profesionais sanitarios.

Finalmente, foi evacuada unha moza de 18 anos de idade, con iniciais T.V.C. nunha ambulancia asistencial das 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital San Rafael e ao mesmo centro hospitalario tamén foi conducido un home, tamén de 18 anos de idade, de iniciais D.D.L., segundo informaron a Europa Press fontes asistenciais.