Medio centenar de persoas cortan a N VI en Guísamo pola seguridade viaria

A comunidade educativa do Centro de Formación Agroforestal de Guísamo co apoio de representantes do goberno local de Bergondo e do BNG cortaron onte de maneira simbólica a N VI en Guísamo para reclamar un paso que permita cruzar esta estrada con seguridade.

O alumnado deste centro denunciou onte o risco ao que se enfrontan ao cruzar a estrada desde a parada de autobús. Con pancartas nas que podía lerse “Sen riscos e con seguridade, pasarela xa” e “Fomento, atento, seguiremos insistindo“, os manifestantes cruzaron unha e outra vez a estrada para esixir melloras na seguridade.

Trátase da primeira dunha serie de manifestacións que a comunidade educativa do centro convocou para este mes. As próximas están previstas os días 11, 18 e 25. Os afectados rexeitan por insuficiente a solución ofrecida por Fomento, que propuxo o repintado de marcas viales e a colocación de sinais verticais led para advertir do perigo.

Apoio do Concello, do BNG e de empresarios do polígono

O Executivo municipal alerta do “gran problema de seguridade” que existe neste tramo da Nacional VI por falta dun paso. “Os traballadores do polígono e os alumnos do Centro de Formación Agroforestal de Guísamo vense obrigados a cruzar a diario a vía atravesando os dous carriles de circulación ao non existir ningún tipo de paso de peatones”, advirten desde o Goberno local.

Desde o BNG, manifestan o seu “total apoio ás xustas demandas de seguridade viaria”, declara a responsábel comarcal Cristina López, “dado que o CFEA é un centro ao que acoden persoas de toda a comarca e non conta sequera cun paso seguro para a parada do transporte público”.