Mariñán acolle o encontro anual de asociación de equipos directivos de centros públicos de educación infantil e primaria

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presidiu omte, no Pazo de Mariñán, a inauguración do encontro anual de asociación de equipos directivos de centros públicos de educación infantil e primaria da provincia da Coruña. O acto contou tamén coa asistencia do presidente da asociación organizadora, Emilio Joaquín Veiga; a concelleira de Xustiza Social e Coidados do Concello da Coruña, Silvia Cameán; a vicerreitora da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez Veiga e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro.

En total, serán 70 docentes que forman parte dos equipos de dirección de escolas públicas de diferentes concellos da provincia os que participarán ata o vindeiro sábado, 6 de maio, na XXVII edición deste encontro, que se vén celebrando de forma ininterrompida desde 1991 no pazo bergondés.

Nestes días, abordaranse varias temáticas diferentes para coñecer a organización e o funcionamento dos centros educativos. Entre as ponencias e os grupos de traballo abordaranse temas de disciplina positiva baixo o lema “Como implantar o programa disciplina positiva nun centro”.

Por outra banda, farase unha “Presentación de boas prácticas” na que participarán os CEIP coruñeses Mª Pita, Alborada e Sagrada Familia e o vigués Balaidos os cales expoñerán os seus exemplos de boas prácticas de xestión de diferentes áreas dos centros docentes.

Ademais, na xornada do sábado levarase a cabo unha xornada de convivencia a cargo do psicopedagogo, orientador e profesor titor da UNED-Alicante, Juan Vaello Orts, que tratará sobre “O profesor emocionalmente competente no aula”.

O obxectivo destes encontros, segundo explicou o presidente da asociación Emilio Joaquín Veiga, é “dar resposta ás necesidades actuais dos centros educativos”, a través dun traballo de reflexión que permita aos membros das comunidades educativas contrastar as súas experiencias con proxectos e modelos de xestión innovadora.

Vega destacou a importancia destas xornadas que “se celebran por vixésimo sétimo ano consecutivo e isto nos tempos que corren é un logro. Facemos un esforzo que sempre nos da resultado. Sen ir máis lonxe, o ano pasado, as xornadas obtiveron unhas valoracións moi altas que non baixaron de nove e dez”.

Pola súa banda, González Formoso referiuse á longa traxectoria de colaboración entre a Deputación e a asociación e gabou o importante papel social que desenvolven os directores e profesores dos centros de ensino públicos, contrubuíndo á formación das vindeiras xeracións.