Liss Becerra, portavoz do BNG de Sada, renuncia a repetir como candidato nas municipais do vindeiro ano

Liss Becerra e Laura Rodríguez onte na rolda de prensa do BNG de Sada

Liss Becerra, actual portavoz do BNG de Sada e concelleiro de promoción económica, turismo e medio ambiente, anunciou onte a súa renuncia a presentarse como cabeza de lista de novo nas eleccións municipais de 2019. O portavoz nacionalista xustifica a súa decisión “para seguir apostando pola renovación que o BNG de Sada iniciou coas pasadas municipais”.

O portavoz nacionalista compareceu onte en rolda de prensa acompañado da actual responsábel local, Laura Rodríguez, quen “apostou polo cambio real e periódico para predicar co exemplo”. Aseguraron na comparecencia que se tratou dunha decisión consensuada, e descartou calquera relación entre a súa renuncia a repetir e a súa pertenencia ao goberno local, encabezado por Sadamaioría.

Rodríguez e Becerra incidiron nas númerosas incorporacións de novos militantes no BNG nos últimos meses, a maior parte mozos e mozas, o que demostra que a organización nacionalista se atopa nun momento de recuperación e tendencia á alza.

Polo que se refire á equipa que liderará o BNG para as eleccións de 2019 eludiron avanzar nomes e aseguraron que nas vindeiras semanas poderán anunciar quen encabezará o proxecto nacionalista no concello de Sada e o grupo que o acompañará no primeiro tramo.