Un informe confirma a posibilidade de que o Pazo de Meirás pase a ser ben público por venta simulada

Ferreira e Sanmartín no momento de presentar o informe

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o profesor de Dereito da Universidade de Santiago, Xabier Ferreira, presentaron onte un informe xurídico que confirma a posibilidade de recuperar o Pazo de Meirás o patrimonio público, a través dun proceso xudicial ao tratarse dunha propiedade que é froito dun “negocio ficticio que pode ser anulado”.

A anulación do contrato de venda do ano 1941, xunto coa consideración do ben como patrimonio do Estado, son as trabes sobre as que xira o informe xurídico que esta mañá presentaron na Deputación da Coruña a vicepresidenta, Goretti Sanmartín e un dos encargados da súa elaboración, o profesor da USC, Xabier Ferreira.

Goretti Sanmartín explicou que o informe encargado pola Deputación da Coruña por decisión da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, presentarase o vindeiro xoves día 1de marzo xunto co informe histórico, despois de tres meses de traballo. A decisión de adiantalo, segundo dixo a vicepresidenta, responde a contribuír “a asentar a posibilidade de reverter o ben ao ámbito público”, ademais de anunciar “as persoas que queiran participar na súa compra, dos problemas que ten a propiedade, froito dunha apropiación ilícita”.

A vicepresidenta do ente provincial polo BNG adiantou que a nulidade do contrato remitiría a doazón do ano 1938, co que o Pazo de Meirás sería automaticamente considerado un ben público e xa que logo non afectaría a usucapión xa que non prescribe. “Existe unha confusión do privado e do público, quixeron deixar todo atado e ben atado, mais a investigación histórica e o informe xurídico que utiliza os datos desta, deixa a vía aberta para que sexa ben público”, anotou a vicepresidenta. “Temos que actuar de maneira contundente e con axilidade, non se pode perder tempo”, insistiu Goretti Sanmartín.

A investigación histórica foi clave para elaborar o informe

O responsábel do informe, Xabier Ferreira, aludiu á investigación histórica- nomeadamente o libro dos historiadores sadenses Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo editado pola Fundación Galiza Sempre- que dá as claves para determinar a cualificación xurídica do Pazo de Meirás, “un ben froito dun espolio que acabou en mans da familia Franco e os seus herdeiros”.

Para Ferreira, o paso fundamental do proceso, está na compra-venda do ano 41 que se realiza cun prezo baixo de venda e sen entregar o diñeiro perante notario, nunha escritura en que se incorpora unha cláusula pola que non se pode reclamar. “A escritura é ordinaria mais, de facto, en 1941 Franco xa ocupaba un ben que Carmen Polo visitaba con asiduidade e no que diversas institucións acometaran obras de reforma”, explicou, remitíndose o documento privado de doazón de 1938, que fora aceptada polo propio Franco, e que fora anunciada desde a Coruña a Serrano Suñer a través dun telegrama que saíra publicado en prensa.

“En dereito existe a figura de contrato simulado cando dúas persoas formalizan perante notario un contrato cando están facendo outra cousa, e diso estamos a falar. No ano 1941 está comprando unha persoa que xa ten o ben e vendendo unha que xa o fixo”, explicou, polo que abriu a vía a reclamar a “nulidade plena dese contrato” xa que “esa compravenda non existiu e a acción, ao se tratar dun ben público, é imprescriptíbel, inembargábel e inalienábel”. A razóns desta segunda operación estaría, segundo Ferreira, na aprobación en 1940 da Lei de Patrimonio Nacional que incorporaría o Pazo de Meirás como ben público e na necesidade de Franco de asinar un contrato de compra para preservar o inmóbel como propiedade privada.

Uso público do pazo e telegrama da entrega

Como datos a ter en conta, Xabier Ferreira engadiu que no Pazo tiveron lugar case trinta consellos de ministros e outras tantas audiencias oficiais, co que funcionaba como residencia do xefe de Estado, á maneira do Prado durante os outros meses do ano. Apuntou así a necesidade de facer valer a diferenza entre bens privados e bens públicos.

“Na nosa opinión o ben, froito deses negocios ficticios, deberá formar parte do Patrimonio Nacional”, concluíu Xabier Ferreira para o que a “opción necesaria é acudir aos tribunais de xustiza”. “O tribunal terá que valorar se o telegrama do Gobernador Civil da Coruña a Ramón Serrano Suñer que dicía que se facía entrega do Pazo a Franco é falso ou unha realidade. A min xérame unha convicción clara e contundente de que iso aconteceu”, engadiu Ferreira, quen confía en que finalmente o ben reverta ao dominio público.

O día 1 de marzo reunirase o grupo promotor da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás onde se presentarán ao completo os informes xurídico e histórico.