A Fundación Franco denuncia a 19 activistas por reclamar a devolución do Pazo de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás polo BNG

O 30 de agosto de 2017 un grupo de sindicalistas, activistas pola Memoria Histórica e militantes nacionalistas penduraron das Torres de Meirás a reclamación de devolución ao patrimonio público do pazo obtido por Francisco Franco e Carmen Polo logo do expolio documentado polos historiadores Carlos Babío e Carlos Pérez Lourenzo. Ondearon a reclamación un día no que o BIC estaba supostamente aberto ao público e logo de reiteradas denuncias de particulares, entidades memorialistas, o BNG e o Concello de Sada sobre o incumprimento do réxime de visitas ao que fora xardín, residencia e inspiración para Emilia Pardo Bazán por parte da familia Franco, titular do inmoble, e a Fundación Francisco Franco, que xestiona o conxunto coa intención de rendir culto á memoria e “obra” do dictador, aliado de Hitler e Mussolinni.

O xesto non sentou nada ben aos herdeiros do dictador e á entidade que fai memoria e apoloxía do pensamento do xeneral ferrolano. A Fundación Francisco Franco, a finada Carmen Franco e o neto do ditador José Cristóbal Martinez-Bordiu Franco presentaron unha denuncia contra un grupo de 19 persoas, ás que acusan dos delitos de violación de morada, delito contra o honor con publicidade, delito por danos e delito por odio. En total, explican as persoas denunciadas polos sucesores do Caudillo no xulgado de Betanzos, os delitos dos que son acusados “por unha Fundación que realiza apoloxía do fascismo, pola filla e polo neto do ditador suman como mínimo un total de 247 anos de prisión e medio millón de euros de multa”. O avogado da familia e a fundación é o bufete da familia de Milans del Bosch, xeneral golpista coñecido pola súa participación no golpe de estado do 23F.

O grupo de persoas denunciadas recalca que a acción de toma do pazo foi simbólica e que se levou a cabo nun día previsto como visita, “polo que dificilmente poderá considerarse violación de morada entrar nun edificio aberto ao público, ademais de que non houbo ningún tipo de violencia como quedou constatado polos medios de comunicación presentes”. As imaxes do despregamento das pancartas nas torres de Meirás deron a volta ao mundo para estupor das entidades internacionais, diante das cais o BNG denunciou a impunidade dos herdeiros de Franco, motivando mesmo unha visita de integrantes do Parlamento Europeo para verificar a información que a fundación ofrece durante a visita ás torres de Meirás.

Os xa chamados “19 de Meirás” aseguran que “foi unha acción pacífica e simbólica”, recalcan, “que durou aproximadamente dúas horas e todas as persoas que participamos nela abandonamos o edificio e o recinto do pazo en presenza de axentes da Garda Civil da mesa maneira pacífica, sen ningún tipo de incidente nin de dano ao patrimonio”. Igualmente, desmenten calquera tipo de dano durante o acto reivindicativo, no que se limitaron a despregar unha faixa no exterior do edificio e outra na torre do Pazo de Meirás, e consideran “como mínimo irónico que unha Fundación que fai apoloxía do fascismo e da ditadura acuse a persoas demócratas dun delito de odio e de atentado ao honor”.

Por tanto, entenden “que as acusacións carecen de fundamento” e esperan que a acción realizada sexa considerada como o que realmente foi: “Un acto pacífico e democrático para expresar e defender unha posición que sabemos compartida por todas as persoas demócratas deste país, que debe ser entendido dentro do exercicio democrático da liberdade de expresión”. Explican que a toma figurada do Pazo de Meirás tiña como obxectivo reivindicar a devolución á sociedade galega do patrimonio espoliado polo Franquismo que, corenta anos despois da morte do ditador, segue en mans dos herdeiros de Franco. En concreto, reclamaban a devolución do Pazo de Meirás así como da Casa de Cornide e das estatuas de Abrahan e Isaac do Pórtico da Gloria, reclamación maioritariamente compartida polo pobo galego.

“Neses días foron moitas as persoas e colectivos que se dirixiron a nós para nos apoiar e nos felicitar por unha acción que viron con simpatía e entenderon oportuna e necesaria”, salientan. Por contra, consideran “unha barbaridade política que os bens espoliados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura”. Pero consideran “que é máis lacerante para as vítimas do franquismo, aínda non restituídas na súa dignidade individual e colectiva polo Estado, porque hai que lembrar que estamos a falar dun golpe de estado que provocou millares de mortos na Galiza, unha ditadura brutal que cerceou a liberdade e os dereitos no Estado español durante 40 anos”.

“Rescatar o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria é unha incontornábel exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo. É tamén unha forma de restituír a memoria democrática e a dignidade colectiva”, declaran as persoas denunciadas, quen expresan “o seu orgullo” por esta acción que contribuíu a reactivar a demanda da devolución dos bens roubados.

Igualmente, resaltan o seu compromiso “cunha loita que continúa sendo xusta e necesaria e que só finalizará cando todo o patrimonio espoliado sexa rescatado para o conxunto do pobo galego, de tal xeito que os slogans que ese día despregamos, -O pazo é do pobo galego, Que nos devolvan o roubado, ou Franquismo, Nunca Máis-, seguen tendo plena vixencia”. Finalmente, aproveitaron a comparecencia “para solicitar o apoio de todas as persoas, colectivos e institucións que, como nós, achen esta acusación inxusta e inadmisíbel. E non xa como mostra de solidariedade ás 19 persoas acusadas, senón como un acto necesario en defensa da democracia”.

As 19 persoas denunciadas pola Fundación Francisco Franco e a neta e herdeiros do xeneral son as seguintes: Mario Maceiras, Manuel da Cal, Suso Seixo, Óscar Calvo, Armando Carril, Alberte Ansede, Manuel Polo, Marta da Costa, Alfredo López, Silvia Seixas, Álvaro García, Xosé Manuel Magariños, Néstor Rego, Rubén Cela, Anxo Louzao, Ramiro Oubiña, Bieito Lobeira, Lucía López e Alberte Fernández.