Fragas do Mandeo leva a VII Semana de Custodia do Territorio a Sada

O Mandeo

A Fundación Fragas do Mandeo a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (xestora da reserva da biosfera) programan a celebración da VII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo entre os días 15 e 23 de setembro. O programa inclúe conferencias, actividades de voluntariado ambiental e unha eco-regata para mellorar os espazos naturais da reserva da biosfera.

A edición deste ano leva o título “Olladas sobre a biodiversidade local que debemos custodiar”. Arrancará o sábado 15 pola tarde coa celebración da quinta edición da eco-regata na ría de Betanzos. Esta actividade deportiva e lúdica consiste en competir pola recollida de lixo no xuncal. Comezará ás 16:00 horas no porto de Betanzos, onde se recibirá ós voluntarios, ás lanchas e ás piraguas que se teñan inscrito. Colaboran as asociacións Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos, ademais de Protección Civil e os concellos de Bergondo e de Betanzos.

O domingo día 16 pola mañá haberá unha actuación de voluntariado ambiental no río Mandeo para eliminar especies exóticas invasoras. Os participantes axudarán a eliminar un dos dous últimos focos de tradescantia presentes no tramo de 6 km que apadriña Fragas do Mandeo neste río dende 2014, evitando así que esta planta invasora de orixe sudamericana se propague polas súas ribeiras e degrade o hábitat ripario.

A xornada de conferencias será o sábado 22 pola mañá no salón de plenos do Concello de Sada, estando invitados para á súa apertura o alcalde do municipio, D. Benito Portela, e o presidente do GDR Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso. Ó longo da mañá, tres especialistas abordarán aspectos da biodiversidade local habitualmente pouco contemplados, pero que é necesario coñecer en detalle para poder ser eficaces nas accións de conser-
vación do noso patrimonio natural. Iniciará as intervencións a doutora Da María Inmaculada Romero Buján, investigadora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, que nos introducirá na flora ameazada e de distribución limitada que habita nas praias, marismas e acantilados do litoral da bisbarra. A continuación o director do Museo de Historia Natural de Ferrol, D. Pablo Torrella Allegue, explicará a importancia da madeira morta no ciclo vital de diversos organismos. Por último, a investigadora Da. Sandra Goded Millán, fundadora de Quercus Sonora, explicará os resultados da súa tese doutoral, na que analizou a mingua da biodiversidade presente nos eucaliptais, comparándoa cualitativa e cuantitativamente con outras formas de explotación do territorio.

O domingo día 23 pola mañá participarase na limpeza simultánea de ríos recollendo lixo e localizando focos de especies exóticas invasoras no tramo inferior do río Lambre, ó longo dun tramo de 3,5 km de lonxitude até a súa desembocadura en Ponte do Porco. Para facilitar a organización, as persoas que queiran participar nas xornadas de voluntariado ambiental deberán contactar con Fragas do Mandeo. Deste xeito recibi-
rán información detallada e contarán cun seguro de accidentes.