Fragas do Mandeo lamenta a baixada na participación na Semana da Custodia

Fragas do Mandeo, a fundación que custodia varios tramos dos ríos Mandeo e Mendo na nosa comarca e que organizaba canda a Reserva da Biosfera a Semana da Custodia do Territorio fixo onte balance da mesma.

Na cita, que este ano sumaba xa sete anos de maneira ininterrompida, celebrouse a eco-regata. Explican desde a entidade que situaran “como meta finalizar de limpar o tramo da marisma de Betanzos entre a punta da Ostreira e o embarcadoiro do pazo de Mariñán”. Neste sentido, relatan como os algo máis dunha vintena de voluntarios e dúas embarcacións participantes sacaron “máis de 8 metros cúbicos de refugallos e 24 rodas (22 de camión, 1 de tractor e 1 de coche), cifras que deben sumarse a todo o recollido nesta zona o ano pasado”.

“O día 16 achegámonos á ribeira do río Mandeo a carón da minicentral do Zarzo” onde un total de dez persoas retiraron unha planta invasora, a tradescantia, na zona máis próxima ao río. “Axeonllados, traballaron pacientemente, soportando a complicación causada pola protección que lle daban as silvas a esta planta”.

“A xornada de conferencias celebrouse o día 22 no salón de plenos do Concello de Sada” e tivo unha afluencia de 27 persoas. Ao día seguinte, repasan, 23 voluntarios retiraron sacos de “mesturas de escombro, vidros, plásticos e todo tipo de obxectos” no entorno do Lambre.

Detectan unha participación inferior á dos pasados anos desde a entidade, mais anuncian que manterán as citas de limpeza voluntaria do entorno.