A foto dos alcaldes e voceiros do PP, sen Santiso

Foto de familia do PP

O rexedor abegondés, José Antonio Santiso Miramontes, foi o grande ausente da foto de familia dos rexedores e voceiros do PP do partido xudicial de Betanzos apadriñada polo presidente provincial, Diego Calvo.

Os conservadores evitan retratarse co rexedor abegondés, se ben ao tempo o manteñen como presidente de Consorcio das Mariñas, Reserva da Biosfera e do Grupo de Desenvolvemento Rural da comarca. Cando foi procesado o alcalde, a causa da construción dunha urbanización en solo rústico en Limiñón pola que foi finalmente absolto, o PP asegurou que Santiso non era do partido, do que se dera de baixa tras retomar a alcaldía cunha moción de censura cun tránsfuga do PSOE.

O PP non o conta como dos deles, pero dálle oportunidade de encabezar a súa candidatura, de financiarlle a campaña. A cambio, os votos do rexedor son fulcrais para manter o escano provincial que o PP ten no partido xudicial betanceiro. Que, por certo, lle ten vetado.