A empresa renuncia aos tres proxectos e parques eólicos da comarca

Parque eólico de Lavandeira

A empresa Green Capital Power, vinculada ao empresario presidente de ACS e do Real Madrid, Florentino Pérez, renunciou aos proxectos presentados para a creación de tres parques eólicos que afectaban á nosa comarca. A promotora prevé rectificar a excesiva proximidade ás casas, que incumpliría a normativa vigente, e rebaixar a potencia dos aeroxeneradores, segundo informou onte pola tarde o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, que conversou directamente con representantes da empresa.

A renuncia aos proxectos foi anunciada o mércores e a empresa asegurou que prevía formalizarla onte, segundo traslada Martínez Sanjurjo, quen a media tarde de onte aseguraba non recibir aínda resgardo do rexistro de entrada da formalización da renuncia ante a Subdelegación do Goberno na Coruña, onde os promotores prevían presentala. Aclara que os seus interlocutores, que lle visitaron no Concello, mostráronlle un borrador do escrito co que pensaban desistir do planificado ata o momento.

A retirada dos proxectos non implica, con todo, unha renuncia á construción dos parques eólicos. Green Capital Power pretende corrixir a escasa distancia prevista con respecto aos núcleos de poboación, que infrinxiría a normativa, e rebaixar a potencia a menos de 50 megavatios, o que permitiría, segundo Martínez Sanjurjo, tramitar os proxectos a nivel autonómico, a través da Xunta, e xa non ministerial, como era o caso ata agora.

O motivo principal da renuncia aos proxectos por parte de Green Capital Power foi, precisamente, o punto máis rexeitado polos afectados. Este mércores, o Concello de Curtis alertaba do impacto económico e visual do parque eólico de Lavandeira, previsto en Fisteus, que se atopaba en periodo de exposición pública, e convocaba aos veciños a unha reunión este sábado pola “alarmante” proximidade entre os aeroxeneradores e os núcleos e polos efectos negativos que augura para as explotacións ganaderas da zona.

Ademais do parque previsto para Curtis e Vilasantar, a empresa tramitaba o de Ardemil, que afectaba a Ordes, Cerceda, Carral, Abegondo e Mesía; e o da Pobra, que se estendería polos municipios de Mesía, Cesuras e Abegondo.