A Deputación sinaliza 630 km de estradas provinciais para mellorar a seguridade viaria dos ciclistas

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

Mais de 630 quilómetros de 57 estradas provinciais contarán a partir das vindeiras semanas cunha nova sinalización específica para advertir aos condutores da presenza frecuente de ciclistas na vía e lembrarlles a obrigatoriedade de deixar 1,5 metros nos adiantamentos. O Goberno provincial explicou que o plan permitirá mellorar a seguridade dos ciclistas en preto do 30% dos 2.100 quilómetros cos que conta a rede de estradas dependente da Deputación da Coruña.

Para a selección dos tramos nos que se implementa este novo plan de seguridade cicilista, o departamento de Vías e Obras da Deputación recolleu as propostas e datos da Dirección Xeral de Tráfico, a Federación Galega de Ciclismo e a Asociación de Ciclistas Crunia. Así, as estradas foron seleccionadas en función do volume de ciclistas que rexistran, prorizando as que teñen maior intensidade de tráfico ciclista da provincia.

O plan de mellora da seguridade ciclista contará con dúas liñas de acción complementarias. A primeira delas consistirá na instalación de novas sinais para advertir da presenza habitual de ciclistas no tramo e informar das medidas de seguridade en 410,6 quilómetros de 40 estradas. Doutra banda, completarase a sinalización xa existente en 220 quilómetros de 17 estradas, complementando así a campaña “Ponle Freno”, na que participou a Deputación hai algúns anos.

En total, colocaranse 86 grandes paneis e 286 sinais triangulares. Os paneis terán unhas dimensións de 1,2 x 1,8 metros e ubicaranse en ambos sentidos do vial, ao principio e ao final de cada tramo. Neles, advertirase sobre a obrigatoriedade de deixar 1,5 metros de distancia nos adiantamentos entre automóbiles e ciclistas e se especificará o número de quilómetros do tramo no que é frecuente atopar bicicletas.

As sinais triangulares ubicaranse cada dous ou tres quilómetros para lembrar aos condutores a presenza frecuente de ciclistas na estrada. Entre as estradas que se mellorarán na nosa comarca están as DP-0812, DP-0105, DP-4802, DP-5812, DP-0104, DP-0106, DP-0905, DP-4803, DP-4804 e DP-0906.