A Deputación publica os novos pregos do POS, que priman avaliación alén do prezo e criterios sociais

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación, cun xurista nun acto público

En plena controversia sobre a atoada obra da Eira Vella, que leva desde 2016 contratada e cos traballos paralizados con cargo ao Plan de Obras e Servizos, a Deputación fai públicos os novos pregos de contratación das obras acollidas aos seus plans. E se os anteriores pregos abrían a man a usar só a valoración da oferta económica ou ponderar máis criterios, os novos pregos impulsados pola área de contratación que dirixe o BNG priman as valoracións en base a varios criterios (non só o prezo) e a inclusión de cláusulas sociais na valoración das ofertas.

O goberno betanceiro sempre asegurou que adxudicaba as obras atendendo só ao prezo, como se dunha poxa se tratase, porque era o que obrigaban os pregos da Deputación, mesmo en obras que non financiaba o ente provincial. Agora complícaselle a escusa ao executivo local, xa que tras seren aprobados na sesión plenaria do pasado 25 de maio, o BOP publica hoxe os novos modelos de contratación – aberto simplificado e aberto simplificadísimo- cos que a institución provincial se adapta ás modificacións introducidas pola nova Lei de contratos, en vigor desde o 9 marzo.

O deputado e responsábel da área de Contratación da Deputación da Coruña, o nacionalista Xesús Soto, apuntou que os novos procedementos de contratación de obras permitiranlle aos concellos “gozar dunha maior autonomía” ao poder empregar estes instrumentos “de acordo aos obxectivos que definan para cada unha das súas obras”.

Proceso dialogado para simplificar a documentación

Tras un longo proceso de confección, en que Deputación da Coruña e diversas organizacións sindicais e empresariais colaboraron para atopar os modelos máis acaídos posibles ao novo marco lexislativo, o BOP recolle hoxe uns documentos que pretenden, mediante a transparencia e do rigor, “simplificar os procedementos de contratación , promover a igualdade e o emprego digno de calidade”, afirmou Soto.

Os novos pregos serven para “simplificar a documentación que se ha presentar aos procedementos de contratación e amplían tamén os medios cos que acreditar a solvencia económica, financeira e técnica”, dúas cuestión, incidiu Soto, que “facilitarán o acceso ás licitacións das pequenas e medianas empresas”.

Os criterios de adxudicación son responsabilidade do goberno local

En canto aos criterios de adxudicación, os novos pregos-tipo incrementan a “flexibilidader e autonomía dos concellos” pois, permitiralles “priorizar uns criterios de valoración sobre outros, segundo os seus lexítimos obxectivos”. O deputado do BNG sitúa así no rexedor e os seus concelleiros delegados a responsabilidade de seguir optando única e exclusivamente polo prezo das obras á hora de adxudicar.

Por outra banda, o responsábel de Contratación da Deputación da Coruña, destacou que os novos pregos “incrementan a relevancia dos criterios sociais” e contribuirán a que “as empresas ofrezan emprego de calidade”, comprometéndoas a que cumpran coas súas obrigas laborais e de seguridade social en aspectos claves.