A Deputación pon case cen mil euros para mellorar e ampliar a traída de Paderne

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

A Deputación da Coruña e o Concello de Paderne asinarán nas vindeiras semanas un convenio para o financiamento das obras de ampliación e mellora da rede de abastecemento de auga potable do municipio. Os traballos suporán un investimento de 120.000 euros, dos que o 80% (96.000 €) serán achegados pola Deputación e o 20% restante polo Concello.

Os fondos para sufragar estas obras xa foron aprobados no último pleno provincial dentro dun expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns de euros, dos que algo máis de 4,36 millóns destinaranse a financiar numerosos investimentos financeiramente sustentables nos concellos da provincia.

O proxecto contempla a ampliación e mellora das captacións de auga nos lugares da Fraga e O Pedregoso, que dan servizo a máis de 800 veciños das parroquias lindeiras de Velouzás, Souto e Quintas. As novas captacións contarán cunha profundidade aproximada de 90 metros, atravesando material dolomítico, polo que será necesaria a instalación de sendas bombas de extracción de auga con capacidade para un caudal de 10.000 litros/hora.

Asemade, executaranse obras de mellora da traída nos núcleos da Esfarrapa e Ourovello, que dará servizo a catorce vivendas da zona que sofren cortes continuos na subministración de auga debido ás continuas roturas da obsoleta rede de abastecemento existente na actualidade.

As novas tubaxes serán de polietileno de alta densidade de 75 mm exteriores e 10 atmosferas de presión de traballo.