A Deputación forma en contratación a funcionarios para evitar excusas e retrasos nas obras

A nacionalista Goretti Sanmartín é a vicepresidenta da Deputación

Primeiro renovaron os pregos para a contratación das obras provinciais, deixando case á beira a adxudicación atendendo só á oferta económica e agora forman ao persoal de contratación na nova lei e novos procedementos de contratación municipal. O BNG semella decidido a cortarlle o paso a todas as excusas sobre as dificultades na contratación de obras e servizos ao alcalde de Betanzos, Ramón García, e a outros rexedores que buscan pretexto en leis e procedementos para seguir contratando dun xeito que non garante as mellores obras.

Así, a área de Formación da Deputación da Coruña organizará un total de cinco xornadas formativas, entre os meses de xuño e xullo, co obxectivo de formar ao persoal técnico dos concellos no novo, e obrigatorio, proceso de licitación electrónica de contratos municipais.

De acordo aos cambios introducidos pola nova lei de Contratos, e ante preocupación xeralizada dos concellos, a Deputación da Coruña promove un programa formativo ao fin de trasladarlle ao persoal responsable de contratación e das secretarías municipais toda a información necesaria para adaptarse ao novo formato de contratación que impón a normativa estatal.

A nova lei de Contratos marca, neste sentido, un cambio drástico nas licitacións dos procesos de contratación administartiva, implementando de xeito obrigatorio a licitación electrónica en todos aqueles contratos que non teñen a consideración xurídica de Contratos Menores, o que afecta a todas as obras municipais que integran o POS e outros plans provinciais que teñen que ser licitados electronicamente obrigatoriamente.

Formación para evitar o retraso nas contratacións

O deputado e responsábel da área de Contratación da Deputación da Coruña, Xesús Soto, cualificou este ciclo formativo como “unha medida necesaria cun curso que dá resposta á demanda de boa parte dos concellos que asisten a esta nova imposición legal por parte do Estado con certa expectación, e tamén preocupación”.

“O obxectivo é que os concellos consigan adaptarse o antes posible ao novo modelo de administración electrónica e así evitar, retrasos ou outros tipo de prexuízos nos procesos de contratación”, engadiu o deputado do BNG Xesús Soto ao tempo que insistiu no “enorme esforzo que desenvolve a Deputación da Coruña, en especial dos servizos de contratación e administración electronica, para que este cambio sexa o menos traumático posíbel na contratación, levando a cabo medidas que minimicen o retraso das contratacións e a consecuente prexuízo para o tecido económico implicado nas mesmas.

Cinco edicións do curso

Desta maneira, no edificio do IES Calvo Sotelo desenvolverase en cinco datas diferentes -26 de xuño, 5, 10, 12 e 17 de xullo- un curso práctico en que o persoal técnico e responsables municipais poderán coñecer as principais características e o funcionamento da Plataforma de Contratos do Sector Público, como proceder na xestión dos órganos de asistencia, ou cal é o funcionamento dos novos modelos de licitación, publicación ou envío de comunicacións e resolucións. O deputado Xesús Soto participará na presentación da primeira edición o vindeiro día 26 de xuño ás 9.30. Gabinete de prensa Deputación da Coruña.