A Deputación financia a contratación de catro operarios para obras en Aranga

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte as bases do proceso selectivo para a contratación de catro peóns no Concello de Aranga para realizar obras públicas municipais e a prestación de servizos mínimos municipais, cuxos custos laborais e de seguridade social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos).

As funcións que ha realizar o persoal que se contrate están relacionadas coa limpeza viaria e o acceso a núcleos de poboación, consistentes na limpeza do entorno dos colectores de lixo, as inmediacións das paradas de bus e marquesiñas, outros ambientes escolares e de ocio, incluíndo o sistema de mobiliario urbano e aquelas outras áreas de acumulación de residuos. Para a presentación de solicitudes, as persoas interesadas disporán dun prazo de sete días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria.