A Deputación demanda a Patrimonio Nacional que exixa a devolución de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás polo BNG

A Deputación da Coruña convocará con carácter de urxencia a súa Xunta de Portavoces para, de maneira consensuada, instar a Patrimonio Nacional a iniciar o proceso de devolución do Pazo de Meirás. Ademais, reunirase cos grupos do Parlamento Galego e doutras administracións. Son algúns dos acordos da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que se reuniu hoxe n asee da institución.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto coa vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, e os profesores da USC, Emilio Grandío e Xavier Ferreira, presentaron esta mañá as principais características dos informes -histórico e xurídico- solicitados pola Xunta pro Devolución Pazo de Meirás á institución provincial, nas que se expoñen “sólidos indicios” para proceder a retornar ao dominio público o Pazo de Meirás. Ademais, fixeron públicos os acordos da xuntanza entre os que se atopa reunir de maneira urxente a Xunta de Portavoces para instar a Patrimonio Nacional que inicie accións para recuperar o Pazo de Meirás; solicitar xuntanzas cos grupos do Parlamento Galego para que se adhiran á reclamación e unha entrevista co presidente do Consello de Administración de Patrimonio Nacional para transmitirlle as conclusións do informe xurídico que abre as portas a que o inmóbel pase a ser ben público.

Os documentos presentados onte na sede da Deputación da Coruña botan luz sobre un posible proceso de compra-venda fraudulento, en canto se podía estar ante un “contrato simulado”, co que a familia Franco pretendeu “eludir á Lei de Patrimonio Nacional” de 1940, e que ademais tivo lugar dentro dun contexto bélico no que se empregaron medios coercitivos para ser executada.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, explicou que os estudos presentados hoxe son produto de “moitos meses de traballo e colaboración coa Xunta pro Devolución do Pazo de Meiras” -integrada por máis de 40 concellos da Coruña e outras tantas entidades-, e que, grazas as “conclusións que se desprenden dos informes “ábrese unha porta a esperanza para a devolver un BIC ao dominio público”. Así mesmo, parabenizou a vicepresidencia da Deputación, Goretti Sanmartín, por liderar a iniciativa de reverter a titularidade do Pazo.

“É lamentable a imaxe que durante décadas demos como país” apostilou o presidente, en alusión ao feito de non haber adoptado medidas con anterioridade respecto da devolución do Pazo.

A vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei foi a encargada de transmitir os acordos da xuntanza nunha intervención en que puxo en relevo os “dous documentos sólidos e rigorosos” que “abren as portas a un escenario distinto que permite recuperar ao dominio público o Pazo, en cumprimento do compromiso adquirido coa Xunta pro Devolución do Pazo”. “Debe coñecerse a verdade do acontecido, os estudos deixan patente que hai vías legais para recuperar o Pazo para a sociedade” afirmou.

Goretti Sanmartín incidiu en que ” hai distintas mostras do conxunto das forzas políticas e administracións do país a favor de devolver o Pazo ao dominio público”. Sinalou que agarda que “tanto polos datos que presentan os informes como por este consenso, Patrimonio Nacional sexa “sensíbel” coa proposta, dado que “o escenario cambiou e a solidez do informe deixa sobre a mesa esta posibilidade”.

“Somos moi optimistas de que haxa un consenso pola recuperación do Pazo por parte das administracións grupos políticos”, concluíu a vicepresidenta.

Investigación histórica

Ferreira e Sanmartín no momento de presentar o informe

A análise histórica realizada por membros do grupo de investigación Hispona da Universidade de Santiago de Compostela Emilio Grandío e Manuel Pérez, proxecta a evolución do Pazo de Meirás dende o inicio da súa construción, centrándose polo miúdo nos constantes trocos producidos no inmoble e na sua titularidade durante a primeira metade do século XX. Así, o profesor Emilio Grandío sinalou que as 35 páxinas que integran o informe histórico deixan claro que a natureza da transmisión do inmoble derivan dun contexto “no que no había representación democrática senón que a representatividade era a vitoria militar”, unha coxuntura que daba lugar a que “existiría unha confusión sobre aquelo que era de dominio público ou privado”.

Grandío apuntou que a investigación realizada sobre o Pazo de Meirás deixa patente que se trata dun “edificio de gran trascendencia social e cultural para Galicia” e subliñou “a subscrición do Pazo se produce nun contexto de numerosas colectas a favor das necesidades do sublevados, por medio prácticas coercitivas”. Así mesmo, tamén destacou o importante papel xogado polas administracións (Deputación, Delegación de Goberno e Concello da Coruña) no proceso venda simulada.

A fundamentación xurídica da devolución do Pazo

Pola súa parte Xavier Ferreira, encargado de elaborar o informe xurídico xunto con Miguel A. Rodríguez, apuntou que “ponse de manifesto que Franco tomou posesión do Pazo en 1938 como froito dunhas doazóns realizadas a través de recolectas por medios coercitivos” nas que participaron diferentes administracións públicas, que ademais realizarían varias actuacións de mellora no inmoble e asumirían a súa xestión durante anos.

Entre os datos recollidos no informe, Ferreira destacou a importancia de que non sexa ata ano 1941 cando a transmisión é efectiva no Rexistro da propiedade -vendida por 85.000 pesetas ao ditador e a súa dona-, e no que se incluía unha cláusula que procura garantir os dereitos sobre a propiedade nas mans da familia Franco no futuro.

Así, o investigador afirmou que “existen sólidos indicios” para crer que estamos ante “unha venta simulada” coa que os Franco intentaban “eludir a Lei de Patrimonio Nacional de 1940”, na que se establecía que “os bens dos que fai uso o Xefe do Estado pasarán a ser incorporados o Patrimonio Nacional”.

Non obstante, e pese a grande cantidade de anos nos que a familia Franco foi titular e fixo uso do Pazo de Meirás, recalcou que “os bens do Patrimonio Nacional son imprescriptibles”, unha eiva que permitiría reverter ao dominio público un ben declarado de Interese Cultural.

Para a CRMH “aumenta a esperanza para a recuperación do Pazo de Meirás”

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica asegurou onte, por medio dun comunicado, que “podemos avanzar que estamos diante dunha das mellores oportunidades para recuperar para o pobo o Pazo de Meirás e rematar, por fin, con este espolio”. “As accións pasarán por instar a Patrimonio Nacional a iniciar a acción civil, trala presentación de ditos informes, e reunirse cos representantes políticos do Parlamento de Galicia para facelos partícipe das iniciativas” aseguran.

“Todo isto ven dado polos indicios de simulación de compravenda por parte do ditador, co que pretendía eludir á Lei de Patrimonio Nacional de 1940 como así amosaron as probas presentadas polos dous informes” relatan, polo que celebran “este novo escenario e somos optimistas en canto ao desenlace deste espolio por medio da vía legal”.

“Dende a CRMH queremos agradecer o esforzo e a xenerosidade de todos os colectivos que participan da Xunta pro Devolución do Pazo e que permiten, por primeira vez, ver de cerca o desenlace dun dos moitos espolios levado a cabo durante a ditadura franquista” conclúen.