A Deputación da Coruña inicia os encontros cos grupos parlamentares para trasladar os informes do Pazo de Meirás

Imaxe da reunión onte entre representantes da Deputación e o BNG

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín (BNG) e o deputado de Economía e Persoal, Antonio Leira, reuníronse ca portavoz e o deputado do BNG, Ana Pontón e Luís Bará, na primeira das xuntanzas cos grupos parlamentares para trasladar os informes xurídico e histórico e buscar apoios para as reivindicacións da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. Esta mesma semana están previstas reunións cos grupos de En Marea e PSdG-PSOE.

Co inicio das xuntanzas cos grupos parlamentares cúmprese un dos acordos adoptados polo grupo promotor da Xunta pola Devolución do Pazo de Meirás, que acordou o pasado xoves, ademais desta medida, convocar con carácter de urxencia a Xunta de Portavoces da institución para instar a Patrimonio Nacional a iniciar o proceso de devolución do inmóbel.

A Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín mostrou na súa intervención na roda de prensa que se desenvolveu no Parlamento galego a súa confianza en que todas as forzas políticas apoien a “devolución de Meirás para o público”, a partir do informe histórico, coordinado polo profesor Emilio Grandío, e o xurídico, do que foi coordinador o profesor de Dereito, Xabier Ferreira.

Goretti Sanmartín destacou que o informe proba que “Franco utilizaba o Pazo como residencia de verán e como Xefe de Estado celebraba consellos de ministros e a actividade institucional do Pardo trasladábase durante o verán ao Pazo de Meirás”. Da historia recente do inmóbel, a vicepresidenta da Deputación da Coruña destacou que en 1938 o ditador Francisco Franco recibiu o Pazo en calidade de “doazón”, para o que se obrigou a contribuír á veciñanza nunha operación que contou tamén con achegas institucionais. O contrato de compravenda asinado en 1941 é, desta maneira, segundo dixo, “nulo de pleno dereito, unha simulación de contrato”. Explicou tamén que unha vez anulado o contrato o Pazo poderá ser recuperado “de oficio” por parte de Patrimonio Nacional.