A Deputación da Coruña aposta pola cooperación urbano-rural para potenciar o Turismo sostible na provincia

O deputado e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira (BNG), ratificou está mañá o compromiso da institución co desenvolvemento do Turismo sustentábel na xornada inaugural da “I Conferencia de Turismo Sostible”, que se está a desenvolver na Casa da Cultura Pintor Lloréns do Concello de Sada.

Na procura de analizar as múltiples oportunidades que presenta a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, diferentes especialistas dos eidos medioambiental e turístico abordarán, entre a xornada de hoxe e a de mañá, a xestión, conservación e desenvolvemento dun modelo turístico sustentábel e socialmente responsable, para o grande espazo natural da provincia de Coruña.

O responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, sinalou que “é preciso reflexionar sobre novas fórmulas turísticas que se centren máis nos datos cualitativos e non nos cuantitativos” pois, segundo engadiu, “en toda Galiza temos recursos de calidade dabondo para mellorar dun xeito sostible”. Así mesmo, lamentou a escasa presenza que teñen neste tipo de encontros do mundo empresarial, apostando por unha maior implicación nos foros “tanto por parte das administracións como por parte do sector privado”.

Regueira puntualizou que dende a Deputación estase a colaborar cos concellos “fomentando a contratación anual de máis dun cento de técnicos turísticos para os nosos municipios” e mediante diferentes liñas de subvención que teñen como destinatarios os concellos, os consorcios, asociacións ou os entes de xestión turística. Ademais, destacou que dende a institución provincial tamén se traballa con especial énfase en “organizar e planificar o territorio en materia patrimonial”.

Durante esta primeira xornada, na que tamén participaron o alcalde de Sada, Oscar Benito Portela, a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Consello de Dirección da Reserva Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Santiso, achegáronse as diversas posibilidades que presenta a cooperación urbano-social en materia de Turismo sostíbel e tamén se exhibiron diferentes exemplos de boas prácticas ligadas ao Ecoturismo.

Neste sentido, o xerente da Reserva da Biosfera coruñesa, Jorge Blanco, enumerou algunhas das oportunidades que presentan as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, destacando que estamos ante “un destino turístico moi atractivo” dado que nun mesmo territorio se pode gozar de “patrimonio cultural, natural, da artesanía, do Camiño Inglés e tamén dunha importante oferta gastronomía”. Deste xeito, anunciou que desde o vindeiro mes de xuño, os produtos da Reserva contarán cunha “marca propia” que os definirá como produto diferenciado.

“É preciso dinamizar, protexer e promocionar o Turismo na Reserva arredor dos valores de calidade, desenvolvemento e sustentabilidade” apostilou.

Desde o apartado académico, o profesor e membro do Comité Científico da Reserva, Andrés Precedo, cualificou a Reserva da Biosfera como “un territorio de grande calidade para desenvolver o turismo sustentábel”, avogando por “mesturar o turismo litoral de calidade co turismo cultural”. Unhas trabes ás que se deben incorporar “a identidade propia e a excepcionalidade” como características imprescindibles para desenvolver un proxecto turístico de excelencia.

Pola súa parte, a xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud precisou que se debe “avanzar cara un modelo de turismo que sexa sostíbel medioambientalmente” e que ao tempo sexa “respectuoso, intelixente e integrador”.

Por último, o escritor e divulgador medioambiental, Antonio Sandoval, instou ao alumnado da Escola Universitaria de Turismo (CENP-UDC) presente na Conferencia, a “traballar na procura de ferramentas que camiñen cara un Turismo centrado nos bos hábitos e na saúde” ou o que é o mesmo “en iniciativas que faciliten que os turistas se sintan e pensen ben durante as súas visitas”.

Na xornada de mañá, en que se desenvolverá a segunda e derradeira da sesión desta I Conferencia de Turismo Sostible, as persoas expertas en Ecoturismo abordarán temáticas como o denominado Empredemento Verde, as perspectivas sociolóxicas deste modelo turístico ou a potencialidade que este modelo ten no Concello de Sada. A sesión de mañá contará coa intervención, entre outros, da profesora experta en Socioloxía do Turismo da UDC, Antonia Pérez, o catedrático de Análise Rexional da USC, Rubén Camilo Lois, ou o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente do Concello de Sada, Xosé Lois Suárez Becerra.

A “Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” é unha área medioambiental que conta cunha superficie de 116.724 hectáreas, albergando no seu interior as concas fluviais dos ríos Mero e Mandeo, e que ademais posúe ecosistemas costeiros e de montaña que dan lugar a unha grande diversidade biolóxica.

Así, este territorio delimitado como reserva da Biosfera pola Unesco comprende os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado. Uns municipios que compoñen un espazo singular onde as súas paraxes naturais, praias, cantís, montes, lagoas e encoros, dan lugar a un espazo singular no que se pode identificar unha parte moi importante do patrimonio natural, cultural e etnográfico que ostenta a provincia da Coruña.