A Deputación da Coruña acolleu a primeira reunión da comisión de estudo sobre o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros

A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a primeira reunión da comisión de estudo sobre o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros, que se encargará de elaborar a memoria relativa aos aspectos xurídicos, técnicos e financeiros da aplicación dun modelo de xestión directa para os parques comarcais de bombeiros da provincia.

A comisión, constituída por representantes da institución provincial e a Xunta de Galicia e persoal técnico, comezou os traballos previos para a elaboración dunha proposta de xestión directa do servizo de bombeiros, que será posteriormente elevada ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para que autorice ou non o cambio no modelo de xestión dos parques coruñeses.

Nesta primeira reunión, a comisión acordou solicitar un informe á Xunta Consultiva de Contratación sobre diferentes aspectos xurídicos do procedemento e actualizar o informe económico elaborado no seu día para coñecer con detalle o custe do servizo.

A comisión está presidida polo presidente do Consorcio e da Deputación, Valentín González Formoso, e integrada polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato; a secretaria da delegación provincial da Xunta, Patricia Rodríguez Franco; o director xeral de Emerxencias, Luis Menor Pérez, e a deputada provincial Ánxela Franco.

Como membros técnicos forman parte tamén da mesma Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias; Manuel Martínez Varela, xefe do servizo de Réxime Xurídico, José Manuel Pardellas, interventor da Deputación; Ana Marcos, xefa do servizo de Persoal da Deputación; Carlos García Touriñán, director da área de Seguridade do Concello da Coruña; Rafael Díaz-Aguado, xefe do servizo de Promoción Económica da Deputación; José Luis Barca, xerente do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña; e Graciela Riveiro, secretaria-interventora do Consorcio.