Denuncian que a proposta da norma contra incendios inspírase na do Reino Unido, en revisión despois do incendio de Grenfell en Londres

Un parque de bombeiros

Asociacións de Consumidores e organizacións sociais dirixíronse ao Ministro de Fomento, segundo explicou a UGCAL, para trasladarlle a súa preocupación respecto da proposta de actualización do Documento de Seguridade en caso de Incendio (DB SI), en relación coas solucións admitidas para as fachadas, porque segue a inspirarse (igual que o vixente) nas normas do Reino Unido, cuestionadas despois do incendio da Torre Grenfell en Londres. En consecuencia, as asociacións reclaman ao ministerio que a regulación contra incendios nas fachadas mellore a seguridade e se aborde do lado da protección dos residentes.

A xuízo destas asociacións a depreciación permanente da seguridade da norma española iniciada en 2011 entra no ámbito da imprudencia.

Esta proposta permitirá, en caso de aprobarse, que máis do 80% dos inmobles usen nas fachadas materiais e solucións máis combustibles e perigosas. Este risco increméntase tendo en conta que o 93% do parque de vivendas é susceptible de ser rehabilitado termicamente, xa que se construíu antes da entrada en vigor do Código Técnico da Edificación (CTE).

Agora, a proposta de 2018 pretende permitir en edificios de ata 18 m de altura, o 80% do parque inmobiliario, o uso de materiais illantes e acabados exteriores combustibles de clase D. Só dúas letras por riba da peor clasificación posible, F.

Por outra banda, respecto dos fumes, a proposta permite materiais s3, os peores posibles segundo a clasificación europea (Euroclases). Os fumes, pola opacidade que xeran, dificultan o rescate en caso de incendio e son responsables do 75% das mortes.

O proxecto do DB SI só mellora a norma vixente na produción de pingas, xa que esixe d0 (materiais que non produzan pingas inflamadas) fronte á d2 anterior (materiais que producen pingas inflamadas e duran máis de 10 segundos), a peor clasificación. Todos os países a excepción do Reino Unido xa esixían d0. A outra mellora é a relativa ás fachadas en edificios de máis de 28 metros para as que se esixe B-s3, d0 nos acabados exteriores e A2-s3- d0 nos illantes a empregar.

O conxunto da proposta agora en estudo e a regulación vixente, é peor que a doutros países xa sexa pola altura a partir da que se aplica, pola regulación dos fumes (s3) ou pola combustibilidade de materiais e acabados permitidos, ata D.

Así, por exemplo, Francia, Suecia e Finlandia, esixen A2, para tódalas alturas. Os nórdicos melloran os fumes ata s1 e Portugal ata s2. Pola súa banda, Reino Unido esixe desde os 18 metros, A2-s3 e non desde os 28 metros como fai a proposta española.

O recente incendio de Badalona puxo de manifesto que segundo as circunstancias (altura do edificio, idade e condición dos ocupantes, aspectos estruturais, etc.) as graves consecuencias dun incendio prodúcense a calquera altura, podendo verse moi incrementadas se a fachada rehabilitouse con materiais combustibles (non en balde algúns ocupantes salváronse descendendo por ela). O incendio en decembro dun edificio en Denia reflicte os riscos dunha mala regulación.

Para as asociacións citadas, resulta incompresible que, abordando a mellora da clasificación das pingas e equiparándoa aos países máis esixentes, non se equipare tamén a combustibilidade (que ata empeora para a maior parte da edificación) nin se melloren os fumes.

Por todo iso, as asociacións reiteran as súas peticións aos responsables públicos:

· Impedir que as fachadas de edificios con tres ou máis plantas sexan illadas ou revestidas con materiais ou solucións que non sexan EUROCLASE A, é dicir, evitar os materiais combustibles nestas posicións, con opacidade de fumes S1 e produción de pingas D0.

· Prohibir o uso de materiais combustibles nos espazos ocultos (interior de paredes, trasdosados) polos que transcorran condutos eléctricos, porque en caso de incendio contribúen a súa propagación.

· Esixir que os materiais empregados sexan sometidos aos ensaios propios que certifiquen o seu comportamento fronte ao lume, á marxe das solucións nas que se integran.

· Mellorar os sistemas de avaliación e análise do comportamento dos materiais. Os actuais non reflicten o que ocorre nun incendio real na fachada dun edificio