Continua a polémica entre Santiso Miramontes e Gelo polo funcionamento do Consorcio

Gelo e Santiso Miramontes na canceira de Abegondo dependente do Consorcio

O Consorcio das Mariñas, que preside o alcalde de Abegondo José Antonio Santiso Miramontes (PP), lamentou que o Concello de Oleiros estea ofrecendo unha imaxe distorsionada da entidade “cando sempre funcionou ben”, en resposta ás criticas que onte verteu o rexedor de Oleiros en diferentes programas de radio.

“O Consorcio descoñece por que motivo o alcalde de Oleiros está tratando de desprestigiar á entidade da que forma parte”, engadirón desde o Consorcio. “Sempre estivo alleo a calquera partidismo e foi un exemplo de consenso que debe manterse”, indica, á vez que asegura que o resto de membros non van aceptar ningunha imposición e que todas as decisións débense adoptar por maioría nos órganos colegiados estatutariamente marcados. Neste comunicado, que descoñecemos se foi acordado polos diferentes membros ou emitido polo seu presidente, foco das críticas de Gelo, non deu explicación ningunha sobre as acusacións de presións aos empregados da empresa de recollida de lixo para que voten unha determinada opción nas eleccións sindicais.

“O alcalde de Oleiros é libre de propoñer o cambio de secretaría, intervención, presidencia, estatutos ou calquera cousa que considere. Pero terá que solicitar a maioría do pleno para que se leve a cabo, como é lóxico e democrático”, engade o comunicado.

A entidade critica que o regidor utilice certas expresións como “tomar pola forza” o que lle recorda a “tempos escuros ou en situacións doutros países que nada teñen que ver co Consorcio”, nunha clara referencia a orientación ideolóxica de esquerdas de Gelo e o seu apoio a esquerda sudamericana.

O Consorcio tamén sinala que considera unha falta de respecto que o alcalde oleirense estea utilizando os medios de comunicación para “atacar” o funcionamento da institución. No entanto, a entidade afirma que se mostra totalmente aberta a debater e a buscar o consenso necesario para todo o que se desexe propoñer no pleno por parte de todos os alcaldes, así como a fórmula máis axustada para o futuro, de acordo coa nova lexislación.
Móstrase de acordo en que o secretario e o interventor do Consorcio deberían ser funcionarios habilitados nacionais “para maior seguridade xurídica e independencia nas decisións”. Finalmente pide  vontade “para reconducir esta situación”.

Funcionameto do Consorcio: Clube de alcaldes

O funcionamento do consorcio das Mariñas recibiu moitas críticas nos últimos tempos polo modo de funcionamento e toma de decisións, a falta de participación dos diferentes grupos políticos e da veciñanza e falta de transparencia e opacidade. Por todo isto mereceu o calificativo de “clube de alcaldes” por parte do BNG.

A marcha de Oleiros, cando acaba de abandonar o Consorcio Arteixo rodeada ademais da polémica polo deficiente tratamento do lixo na planta de Nostian, podería supor o estocazo definitivo ao Consorcio das Mariñas.