Continúa a polémica polo novo crédito que incrementará a débeda de Miño

Imaxe de Costa Miño Golf

O BNG censurou a intención do alcalde, Ricardo Sánchez Oroza, de non pagar os xuros da multimillonaria débeda que o seu goberno mantén coa veciñanza de Perbes e Vilanova. O rexedor volveu negarse a pagar os xuros desta débeda ao anunciar que o goberno español ven de darlle outro crédito ao Concello para pagar outra parte do principal da multimillonaria sentenza pola expropiación de Costa Miño Golf.

As nacionalistas de Miño lémbranlle ó Ricardo Sánchez “que cando se ten unha débeda con alguén, e esta é recoñecida xudicialmente, sempre se engade a débeda os xuros correspondentes polo tempo do impago e que ademais no caso dos expropiados de Miño o pago destes xa foi recoñecido por sentenza xudicial”.

Neste sentido, desde o BNG miñense reclaman ao goberno do PP e Sánchez Oroza “que se deixen de dar largas e que se cumpran as sentenzas xudiciais”. Explican que a postura do executivo local “o único que leva e que canto mis tempo se tarde en pagar a débeda, esta será maior a consecuencia de que os xuros seguirán medrando”.

Destacan que a causa da xestión do PP, no que Sánchez Oroza se apoiou para aferrarse á alcaldía, “Miño é un dos concellos máis endebedados de Galiza”. Aseguran que “as decisións dos gobernos do PP de todos estes anos supuxeron poñer por diante os intereses particulares e empresas privadas e vez dos intereses dos veciños e veciñas, contra os que sistematicamente se recorreron as sentenzas xudiciais que unha tras outra saian favorables os expropiados”.

Exixencia de responsabilidades a quen aprobaron Costa Miño Golf

“Hai responsábeis desta situación, que votaron a favor das decisións urbanísticas que levaron Miño á situación que ten hoxe, e que aínda hoxe seguen no goberno. O primeiro será que esas persoas respondan polas súas decisións e respondan co seu propio patrimonio”, explicaron desde o BNG de Miño.

“Aínda que tamén é obvio que a Xunta, que aprobou o planeamento que deu lugar a este desastre tamén ten a súa parte de responsabilidade e polo tanto terá que contribuír agora a dar solución a esta situación. O estado que aprobou a lei que permitía estas expropiacións para empresas privadas tamén ten responsabilidades pero ningunha destas persoas que tomaron estas decisións asumiu responsabilidade ningunha e a realidade é que a veciñanza é a que está pagando as consecuencias”, engadiu.

“Trátase dun timo aos veciños e veciñas de Miño que non ían gañar nada se o ‘pelotazo’ de Fadesa dera as cantidades tremendas de beneficios que calculaban pero que si ten que asumir agora a débeda provocada por esta operación especulativa”, critican desde o BNG. “Mentres as persoas expropiadas levan 10 anos en xuízos para cobrar un prezo xusto polas súas fincas, e a veciñanza vai ter que asumir a estafa de Fadesa, o PP, responsábel da situación segue gobernando Miño, a Xunta e o Estado sen facer nada para evitar que pague os pratos rotos os veciños e veciñas de Miño. É indignante”, conclúen.

Informe de intervención

Intervención emitiu un informe favorable á concertación dun novo crédito de 1,1 millóns para saldar a débeda principal cos expropiados pola macrourbanización de Martinsa Fadesa. A funcionaria considera que procede aceptar o préstamo que Ministerio de Facenda concedeu ao Concello a través do Fondo de Impulso Económico dado que o Concello non pode facer fronte á débeda con fondos propios nin dispón doutras vías de financiamento e podería “incurrir en responsabilidades maiores” de non efectuar os pagos.

A habilitada nacional advirte aínda así de que a concertación deste novo crédito, que se suma ao de 12,5 millóns solicitado a principios de mandato, “agravará” aínda máis a delicada situación contable do municipio, que rexistrou en 2016 o maior déficit de toda Galicia. Ante esta situación, a interventora apela no seu informe á “responsabilidade política da Corporación” para “adoptar todas as medidas de saneamiento que sexan necesarias para lograr facer fronte ao préstamo”.

O informe recolle unha proxección presupuestaria a dez anos vista e conclúe que o Concello carecería de capacidade para facer fronte ao préstamo durante os exercicios 2019-2025 (dispón de dez anos para devolvelo, dous deles de carencia). Intervención xa advertira no pleno de 2017 no que se aprobou o plan económico financeiro que as medidas recolleitas para garantir a devolución do préstamo de 12,5 millóns eran “insuficientes”.

A petición dun novo crédito para pagar aos expropiados foi aprobada en solitario polo Goberno local. A oposición abstívose e criticou ao Executivo por incrementar a súa débeda bancaria sen explicar que medidas de aforro tiña previsto adoptar.