O concello privatiza a auga de Cesuras e contrata á mesma empresa que xestiona a de Oza

Pablo González Cacheiro (PP) é o alcalde de Oza-Cesuras

O Concello de Oza-Cesuras adxudicou o servizo de abastecemento de auga no territorio de Cesuras a Espina e Delfín, a actual concesionaria no extinto municipio de Oza dos Ríos. En agosto do pasado ano, o Concello decidiu privatizar este servizo alegando que carecía de medios para “prestar un servizo cunha calidade mínima aceptable” despois de que se viñeran producindo problemas por vertidos na rede e cortes no subministro.

A concesionaria do abastecemento no antigo territorio de Oza dos Ríos, Espina e Delfín, foi a única en presentarse ao concurso. A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 13 de abril acordou adxudicarlle o servizo “pola urxencia de mellorar sustancialmente a prestación, xa carente de medios e ineficaz no control hixiénico sanitario do auga” pola baixa laboral do peón que realizaba os traballos de mantemento. O Concello contratou á empresa por un período máximo de nove anos, prórrogas incluídas, e o pago dun canon de 6.500 euros.

A resolución non detalla o importe, que segundo o pliego de contratación ascendía 457.141 euros. O contrato recollía a subrogación do peón e que o Concello proporcionará á concesionaria unha furgoneta para os desprazamentos e que lle cederá gratuitamente un local na Casa Consistorial.

Críticas da oposición

A privatización deste servizo foi fortemente criticado pola oposición municipal.

“Todo son vantaxes para a empresa privada, xa que non asumirá ningún gasto de mantemento e mesmo se vai facer cargo das novas instalacións que se están levando a cabo con cargos públicos da Xunta de Galiza, é un investimento de máis de 700 mil euros para o proxecto de “Mellora do Abastecemento de auga potable en Oza-Cesuras”, financiado ao 100% pola Xunta e que pasará a ser xestionado pola empresa privada”, engadiu a portavoz nacionalista.

“Desde o BNG sempre defendemos a xestión pública dos servizos porque son máis económicos e eficientes e evitan moitas das corruptelas e redes clientelares que van asociadas ás concesións a empresas privadas de servizos que se montan e manteñen con recursos públicos”, afrimou, “e pediron ao alcalde que para unificar a prestación nos dous concellos fusionados estudara a remunicipalización do subministro en Oza”.

O PSOE chegou a reclamar a dimisión do alcalde, Pablo González Cacheiro, por admitir que o Concello non ofrecía aos veciños un servizo cunha calidade mínima.