O Concello fai público que un auto de 2010 arquivaba a execución da sentenza do Náutico

Benito Portela (Sadamaioría) é o alcalde de Sada

O Concello de Sada fixo público onte que foi informado agora da existencia dunha providencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 2010 que decretaba o arquivo da execución da sentenza de derrubo de 1999. O Alto Tribunal notificou ao Goberno municipal a existencia deste auto de arquivo hai uns días, en contestación ao escrito que presentou o Concello sobre o acordo plenario que acordou deixar sobre a mesa a habilitación dunha partida para a demolición cos votos de PP, PSOE e BNG.

A notificación xudicial provocou sorpresa no goberno local de Sadamaioría, que asegurou que non hai constancia de ningunha providencia de arquivo no rexistro nin nos departamentos municipais. Acrecenta o desconcerto, din, o feito de que a providencia estea asinada en xuño de 2010, meses despois de que o Concello concedese a licenza de demolición parcial en execución forzosa de sentenza e antes de que transcorrese o prazo de 15 anos que establece a lei para a prescrición.

O concelleiro de Urbanismo, Francisco Montouto, informou onte en pleno da existencia desta providencia. O edil de Sadamaioría destacou que “nunca foi referenciada polos servizos municipais” como o demostra o feito de que non se fixese alusión a esta resolución xudicial nos sucesivos informes do departamento xurídico e de Secretaría. “En xuño de 2010, a sentenza do Náutico estaba a executarse e continuouse executando despois. Hai actos municipais de execución de sentenza antes e despois de 2010 que o TSXG parece descoñecer”, destacou o concelleiro, que anunciou que a asesoría xurídica está a estudar o expediente e que o Concello abriu unha investigación para aclarar o sucedido e acordar “as accións que procedan en defensa do interese público e da legalidade”.

“Isto non significa que estea prescrito, non cambia nada, é tempo de executar a sentenza”, incidiu Montouto, que lembrou que non está amparada polo plan xeral, que a propia marea sadense aprobou. O alcalde, Benito Portela, pronunciouse na mesma liña. Os seus socios de goberno non comparten as súas conclusións. O BNG defendeu onte  que a providencia de arquivo abre a porta para “aproveitar todo o edificio”. A súa portavoz, Isabel Reimúndez, incidiu en que se trata dun inmoble “100% público” e avanzou que a súa formación presentará unha moción para cambiar os usos do plan xeral e dar unha nova vida ao Náutico como equipamento para usos sociais. A concelleira nacionalista apelou á “responsabilidade” da súa formación ao esixir que o asunto quedara sobre a mesa no pleno anterior e avisou: “Se hai un arquivo da sentenza, o BNG traballará para que non se reactive para non prexudicar o interese público”.

A concelleira do PSOE, María Pardo, afirmou coincidir “case ao cento por cento” co BNG e esixiu novamente informes para “tomar unha decisión conxunta e consensuada”. O PP presentou unha moción, que foi rexeitada, na que pedía executar parcialmente a demolición do Náutico e reconvertelo nun “pavillón cuberto e aberto por todos os seus lados”. O seu portavoz, Ernesto Anido, criticou as “présas” por demoler totalmente o edificio, aínda que si defendeu que “hai que cumprir a sentenza”. O PDSP non se pronunciou sobre a providencia de arquivo que, paradoxalmente, se ditou dous anos antes de que un xulgado inhabilitase a Ramón Rodríguez Ares por desobedecer a orde de derrubo.