O Concello de Curtis rescata o proxecto do polémico Polígono das Toxeiras

Javier Cainzos (PP) é o alcalde de Curtis

O Concello de Curtis aprobou inicialmente unha modificación do PXOM para adaptar a superficie clasificada como solo rústico á nova delimitación dos núcleos rurais e á lexislación vixente. O Concello aproveita este cambio urbanístico para recalificar 421.396 metros cadrados de solo rústico de protección agropecuaria como urbanizable de uso industrial co obxecto de impulsar o polígono das Toxeiras. Trátase do desenvolvemento, o SUD-9, que fora rexeitado pola Xunta do bipartito que, en 2007, ordenou a súa clasificación como rústico de protección agropecuaria e solorústico de protección de canles por “a súa elevada potencialidade agrícola”.

A decisión do Goberno autonómico de 2007 foi referendada en 2010 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que considerou axustada a dereito a súa decisión de impedir o desenvolvemento que promovían as empresas Galaico Mexicana de Promociones e Elmac 2003 ao entender que suporía unha fragmentación injustificada do solo industrial dada a proximidade do parque empresarial de Teixeiro. Os xuíces coincidiron tamén coa Xunta en que a clasificación como urbanizable industrial non era procedente dado que se trataba dun solo de “alta productividade agrícola e gandeira”.

O TSXG só aceptou o recurso das promotoras do polígono das Toxeiras no relativo ao incumplimiento da porcentaxe de vivenda protexida no plan xeral, polo que anularon as determinaciones do PXOM en solo urbano non consolidado. As empresas aferráronse a ese incumplimiento para defender a legalidad do desenvolvemento e modificaron o ámbito para incluír unha pequena porcentaxe de solo de Aranga e tramitar o proxecto como de incidencia supramunicipal. Paralelamente, o Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo rexeitou os argumentos  do bipartito e accedeu a incluír este polígono no Plan de Áreas Empresariais pese a que os técnicos autonómicos outorgáronlle a peor puntuación da área (un 54 sobre 100).

O denominado Proxecto Sectorial As Toxeiras comezou a tramitarse en 2011 e figura como órgano promotor do mesmo o Instituto Galego de Vivenda e Solo. No capítulo de antecedentes recolle que as empresas mantiveron “diversas reunións coas administracións implicadas, o que propiciou a súa incorporación ao Plan de Solo Empresarial de Galicia”. O documento apelaba ao importante investimento realizado, de “tres millóns de euros” e á conveniencia de “non poñer en perigo a creación de postos de traballo”. Os promotores argumentaban ademais que o ámbito non cumpría as condicións para a súa clasificación como solo rústico de protección agropecuaria porque os terreos non tiñan “valores agrícolas, nin gandeiros, nin forestais, nin ambientais, nin científicos, nin naturais, nin paisaxísticos”.

A súa afirmación contrasta coas advertencias que os técnicos da Xunta plasmaron uns meses despois no documento de referencia para a elaboración do preceptivo Informe de Sostenibilidade Ambiental, no que advertían de que o ámbito incluía no seu límite norte e nordeste unha parte do Lugar de Interese Comunitario Serra da Cova da Serpe proposto na ampliación da Rede Natura e terreo en ámbitos prioritarios en Aranga. Esta modificación permítese porque a Xunta nunca chegou a ampliar a rede natura.

O Concello de Curtis rescata agora este polígono que, recalca, incorpora ao plan xeral “en cumprimento da normativa sectorial en materia de ordenación do territorio”, dada a súa inclusión no Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais. Destaca que o proxecto deberá incluír medidas para reducir ao máximo o seu impacto. A ordenación proposta outórgalle un coeficiente de edificabilidad de 0,50 metros cadrados por metro cadrado e unha edificabilidad máxima de 207.477 metros cadrados.