O concello de Curtis aproba a modificación do solo rústico no PXOM

Javier Cainzos (PP) é o alcalde de Curtis

O Concello de Curtis aprobou a pasada semana incialmente unha modificación do PXOM que terá importantes consecuencias no solo rústico. O Concello de Curtis conta aínda cunha importante actividade agraria e gandeira, propón dous cambios paralelos no seu Plan Xeral que conlevarán dunha parte unha importante reclasificación de solo de núcleo rural a rústico e, doutra, a desaparición do solo rústico de protección agropecuaria e de protección paisaxística. Unha grande parte do territorio que pasará a ter a consideración de solo rústico de protección ordinaria.

O Goberno local sostén que o obxectivo é “actualizar o solo rústico ás distintas categorías que define a normativa en vigor” e “adaptar as delimitaciones á realidade física e social” do municipio e poñer orde coa elaboración nun prazo de catro anos dun plan especial que delimite as zonas de uso forestal e uso agrario e defina as condicións de uso. “Detectouse que, na actualidade, o rural do término municipal presenta unha intensa mestura de usos, inseríndose o forestal co agrícola e ganadero sen un criterio e unha ordenación adecuada”, xustifica na súa proposta.

A oposición rexeita os argumentos e denuncia a desaparición do solo de protección agrícola nun municipio que ten no sector primario a súa principal fonte de riqueza. O edil non adscrito Xosé Manuel Tomé sostén que o “principal obxectivo” desta modificación é “poder plantar eucaliptos onde lles dea a gana”. Unha conclusión similar á do Sindicato Labrego-Comisións Labregas da comarca de Teixeiro, que alegou contra unha modificación coa que cren que o Concello fai “dexación de funcións en materia de ordenación do territorio” e favorece a “perda de superficie agrícola en detrimento da forestal”.

A Xunta ordenou ao Concello someter esta modificación puntual do PGOM ao trámite de avaliación ambiental estratéxica ao entender que a nova clasificación do solo rústico “podería ter efectos significativos sobre o patrimonio natural, a paisaxe e o consumo de solo”. Os técnicos cuestionaron que os hábitats de interese natural queden categorizados como solo rústico de protección ordinaria e advertiron de que a desaparición do chan de protección agropecuaria, que actualmente ocupa a maior parte do municipio, “podería supor a perda de vinculación dos usos do territorio cos seus valores e a súa potencialidade”.

O Concello alega que a nova lei de solo establece que deben considerarse solo rústico de protección agropecuaria “os terreos que sexan obxecto de concentración parcelaria con resolución firme e os terreos de alta productividade agropecuaria que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que ostente a competencia sectorial en materia agrícola ou gandeira”, aínda que a normativa permite aos concellos delimitar zonas sempre que estean convenientemente xustificados. A Xunta estuda agora a proposta aprobada inicialmente cos votos só do Goberno local, do PP.