O concello de Bergondo presentou onte a súa senda fluvial a carón do río Callou

Onte o Goberno local presentou unha ruta fluvial que acaba de habilitar na contorna do río Callou, “apostando desta forma por potenciar a riqueza deste pulmón verde nunha iniciativa que combina deporte, medio ambiente e cultura”, segundo o goberno.

A alcaldesa (PSOE) e o primeiro tenente de alcalde (Anova) presentaron onte esta ruta de senderismo polo bordo do Callou, que en total suma 2,7 quilómetros de lonxitude, que leva uns corenta minutos de camiñada desde o seu inicio no parque de Miodelo.

A inauguración oficial deste percorrido con todo realizarase este sábado día 2 cunha andaina didáctica ás 10.30 horas á que están invitados todos os veciños e interesados en descubrir este espazo. Aos participantes explicaránselles os diferentes puntos de interese deste itinerario.

O Goberno local eliminou a maleza en torno á canle fluvial e os camiños que o rodean e instalou pontes de madeira para cruzalo, ademais de paneles informativos en diferentes puntos da ruta, o custo desta obra foron case 15.000 euros.

Tanto a alcaldesa Alejandra Pérez como o primeiro tenente de alcalde Juan Fariña destacaron onte a riqueza paisaxística e medioambiental deste traxecto. Neste ámbito do río Callou o anterior Goberno socialista proxectou un polígono industrial de 46 hectáreas de superficie para cubrir a posible demanda do porto exterior de punta Langosteira.