O Concello de Abegondo devolverá os avais esixidos para construír en núcleo rural

O Concello de Abegondo devolverá os avais aos doce propietarios de terreos, en núcleos con pouca ou nula actividade urbanística, que se mostraron interesados en construír vivendas.

O anuncio formulouno onte o secretario municipal durante a sesión plenaria, á vez que indicaba que a devolución será levada a cabo coincidindo coa aprobación inicial da normativa provisional na que se inclúen estes núcleos como edificábeis, que está prevista para un prazo de entre un mes e mes e medio.

O Concello carece de ordenación urbanística despois de que o Tribunal Supremo anulara por segunda vez o PXOM de Abegondo por exceso de previsión de vivendas.