O comité de empresa dos bombeiros denuncia falta de medios

Parque comarcal de bombeiros de Betanzos

O comité de empresa de Veicar, a empresa que xestiona os parques comarcais de Arteixo e Betanzos e outros cinco da provincia da Coruña, denunciou onte graves deficiencias no equipamento que teñen, que aseguran compromete o seu concurso en labores de extinción ou rescate.

Os representantes sindicais dos bombeiros denuncian eivas de equipos básicos para traballos de salvamento ou extinción do lume, e deficiencias no vestiario especial para as súas saídas. “Isto tradúcese en que o persoal que acuda a prestar servizos de extinción de incendios e rescate non contará con equipo de protección apropiado para penetrar en edificios, polo que deixará gran número de incidentes sen atender por falta de medios”, alertan nun comunicado remitido aos medios.

Falta tamén material para restates en altura, do que carecen desde o pasado 23 de outubro, segundo o comité de empresa. O que teñen, advirten, “non pode ser empregado por non estar ao día dos seus revisiones de seguridade e descoñecerse se está apto ou non para o seu manexo”.

Ademais, no que respecta ao vestiario para atender as emerxencias, advirten que “a maior parte dos bombeiros que solicitaron a reposición dalgunha peza atópanse á espera desde fai meses”. Isto, ademais de comprometer saídas, complica as propias tarefas de mantemento do parque comarcal de emerxencias. Por este motivo demandan celeridade para solventar todas estas carencias, que ata o de agora a empresa concesionaria non tería atendido.