Comezan as mobilizacións por unha pasarela sobre a N-VI en Guísamo

Unha imaxe do CFEA de Guísamo

A seguridade viaria en torno á N-VI segue dando que falar na comarca. Bos colle o relevo de Queirís, sen terse aínda solucionado o seu problema. Hoxe comezan os paros diante do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo para demandar unha pasarela peonil sobre a estrada que dea paso seguro para o alumnado do centro, os usuarios das paradas de autobús de ambas marxes da estrada e o polígono de Bergondo. Os empresarios do parque e a comunidade educativa chaman a segundar a concentración a ambas beiras da estrada, que conta co respaldo do goberno local bergondés e do BNG.

 

A concentración está prevista entre as 11.00 e as 12.00 horas no punto kilométrico 581 da escola agraria. Reclaman seguridade para os numerosos usuarios das paradas de bus, algúns, alumnos do centro menores de idade, sinalan. Denuncian que os alumnos do CFEA e os traballadores do polígono “vense obrigados a cruzar a vía a diario sen seguridade ao non existir ningún tipo de paso para peatones”. Fomento instalou sinais verticais LED advertindo do perigo, algo que se considera insuficiente. Por este motivo as protestas repetiranse, salvo noticias de Fomento, os días 11, 18 e 25 deste mes.

O goberno local pedira un paso de peóns para o lugar

O Concello de Bergondo secunda esta petición e recorda que, no seu momento, ademais de solicitar esta actuación a Fomento, tamén encargou á Policía Local que elaborase un informe para coñecer a idoneidade de instalar unha pasarela peonil ou un paso de peóns no lugar.

O BNG demanda solución “antes que teñamos que lamentar unha desgraza”

Desde o BNG, manifestan o seu “total apoio ás xustas demandas de seguridade viaria”, declara a responsábel comarcal Cristina López, “dado que o CFEA é un centro ao que acoden persoas de toda a comarca e non conta sequera cun paso seguro para a parada do transporte público”. O grupo nacionalista critica a falta de resposta dos gobernos estatal e autonómico ante a demanda de maior seguridade viaria na N-VI e pide concrecións, actuacións urxentes por parte das institucións responsábeis, “e máis neste punto kilométrico, onde coincide un cambio de rasante, coa conseguinte mala visibilidade, varios carrís e incorporacións e en fin, unha velocidade máxima permitida talvez excesiva”, asevera a portavoz nacionalista.

 

As nacionalistas fan fincapé en que a situación de seguridade viaria na N-VI na comarca “é grave” e piden que se tomen medidas urxentes “antes que teñamos que lamentar unha desgraza”, declara Cristina López. Ademais de ser un problema para a comunidade educativa do CFEA estas paradas de autobús tamén son utilizadas polas persoas que traballan no polígono de Bergondo “trátase dunha zona onde o transporte público en dirección a Coruña ou Betanzos son moi utilizadas e o Estado, que ten competencia sobre esta estrada ten que garantir a súa seguridade”.

O BNG, en definitiva, chama á mobilización da veciñanza e recorda a importancia de estar presente na concentración de mañá, na que “o BNG unirá a nosa voz á de quen reclama seguridade nunha infraestrutura fundamental para a nosa comarca”, declarou a responsábel nacionalista.