O concello de Coirós retira a Cruz dos Caídos despois de anos de peticións do BNG

O Concello de Coirós retirou a cruz dos caídos situada xunto ao Consistorio. O Goberno local, do PP, tardou máis de 3 anos para cumprir unha moción do BNG de 2015 que foi aprobada por unanimidad. Un grupo de operarios retirou onte este monumento franquista, que sobreviviu once anos á aprobación da lei da memoria histórica.

O alcalde, o popular Francisco Quintela, incluíu os traballos no orzamento de 2017 a petición dos nacionalistas, que nos últimos dous anos preguntaron en todos os plenos ordinarios polos prazos que manexaba o Executivo para retirar este monumento que exaltan a sublevación militar e a represión da ditadura. A Cruz dos Caídos retirouse 11 anos despois da entrada en vigor da lei de memoria histórica.

O BNG parabenízase pola retirada

O Grupo Municipal do BNG en Coirós levou a pleno en xaneiro de 2015 unha moción na que se exixía aplicar o conxunto da lei da memoria histórica. Demandouse retirar todos os monumentos, placas e outros obxectos e mencións conmemorativas da sublevación militar, a Guerra Civil ou a Ditadura, especialmente, por ser a máis visíbel, o monumento aos caídos a carón da casa do Concello.

Posteriormente as concelleiras nacionalistas tamén presentaron alegacións aos orzamentos municipais para que se incluíra neles a partida necesaria para executar este acordo.

Aínda así, foi precisa moita insistencia para que, despois de tres anos, o acordo comezase a ser executado.

“A partir de hoxe xa non atoparemos a Cruz dos Caídos na praza que da entrada á casa do Concello. Mais aínda quedan moitas outras mencións á sublevación militar de 1936 e á Ditadura que tamén deberán ser eliminadas” indica a concelleira Sonia López.

“Estamos contentas por ver finalmente executada unha parte importante do acordo plenario, mais continuaremos insistindo para que sexa eliminada toda referencia conmemorativa deste período tan nefasto para os dereitos das persoas e dos pobos” engade a voceira nacionalista Pura Ferreño.