O BNG pregunta sobre a contaminación no regato que subministra auga á Aula da Natureza de Chelo

Unha vista do couto de Chelo

Nas últimas semanas foron moitas as persoas que achegaron ao BNG información sobre a insalubridade da auga do “regato do Caldeirón”, canle no cal se fai o abastecemento da Aula da Natureza de Chelo. A este regato verte a depuradora de Armea, que según as queixas da veciñanza, sería a culpábel desta contaminación.

“Estamos a falar dun Centro de promoción e divulgación do noso Medio Natural polo que pasan moitos grupos de persoas, maiormente escolares” explican desde a agrupación nacionalista. “A cuestión da contaminación da auga é un problema de saúde pública de primeira magnitude mais tamén unha mostra da nula atención que o goberno municipal presta a estas instalacións e á súa contorna” engaden.

É por isto que as concelleiras nacionalistas Pura Ferreño e Sonia López veñen de rexistrar unha solicitude para facerse con copias das analíticas da auga tanto no regato do Caldeirón coma dentro das instalacións. Unha vez comprobado cal é o problema en detalle demandaranse as medidas oportunas para poñerlle remedio de xeito inmediato.

O BNG pedirá resultados das analíticas da depuradora en Augas de Galiza

O grupo nacionalista adiantou tamén que solicitará os resultados das últimas analíticas das que se realizan periodicamente á depuradora de Armea para saber cal é o estado real das augas que verte esta depuradora.