Coirós rebaixa o 95% de IBI, IAE e construción para tratar de captar empresas

O Concello de Coirós

O Concello de Coirós aprobou de forma definitiva as modificacións das ordenanzas dos impostos de bens inmobles, actividades económicas e construción para eximir ata do 95% da cota destes impostos ás empresas que sexan declaradas de “especial interese” ou “utilidade municipal” por “concorrer circunstancias de fomento de emprego”.

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte de forma definitiva das bonificaciones. O Concello de Coirós eximirá a partir de agora do 95% do IBI ás empresas que xeren máis de 20 postos de traballo; do 75% ás que creen entre 11 e 20 postos e do 50% ás que xeren ata 10 empregos.

As bonificaciones fiscais que poderán lograr as empresas serán similares para o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e para o gravame de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).  Isto supón que canto máis grandes sexan as empresas e máis beneficios obteñan menos impostos terán que pagar.

Un convenio da Xunta dentro da cuestionada “lei de depredación” que deixa sen ingresos aos Concellos

Estas medidas fiscais son exixencia do goberno Feijóo dentro da aplicación da cuestionada “lei de depredación”. Segundo un convenio subscrito entre a Xunta e a FEGAMP, os concellos rebaixarán as principais figuras impositivas relacionadas coa actividade industrial se queren levar máis puntos nas convocatorias de axudas do goberno galego.

Como se pretenden compensar esta caída nos ingresos directos que recadan os concellos segue sendo unha incógnita polo de agora, mais o PP está a forzar esta rebaixa en todos os municipios, vinculando directamente rebaixa fiscal a activación económica, algo que os indicadores da propia Xunta botan por terra.

A suposta vantaxe competitiva da rebaixa fiscal fica diluída no momento en que a maioría dos concellos efectúan este tipo de amnistía fiscal, polo que non se verá traducida en máis empresas e postos de traballo e si en menor recadación municipal e, polo tanto, menos cartos para financiar servizos do Concello.