O Campo acollerá o 22 e 23 a VI Mostra de Viños e Produtos das Mariñas

A carpa no Campo

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o Presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso Miramontes, presentaron a “VI Mostra de Viños e Produtos das Mariñas”, que se celebrará os días 22 e 23 de setembro na betanceira praza do Campo. A carpa instalada a pasada semana con motivo da feira de oportunidades da asociación de comerciantes acollerá desta volta catro adegas acollidas á IXP Viño da Terra de Betanzos, ademais de outra vintena de produtores da comarca de lúpulo e cervexa artesá, horta, panaderías, queixarías, herbas aromáticas, marmeladas, conservas ou xabróns artesáns, entre outros produtos.

Tres showcooking a cargo de Beatriz Sotelo (Daterra), Iván Domínguez e a sumiller Sonia Molero (Uvepositivo), e Lolo Mosteiro (A Artesa da Moza Crecha) amosarán as posibilidades dos produtos da comarca, no que varios obradoiros infantís achegarán os produtos aos máis novos. Música en directo, degustacións e un obradoiro sobre os tomates autóctonos completan a cita.