O BNG presentou alegacións á modificación das normas subsidiarias en San Cidre

David Carro é o voceiro do BNG de Bergondo

O BNG presentou as súas alegacións á modificación das normas subsidiarias en San Cidre, no tramite de consultas previo á avaliación ambiental estratéxica. “Non entendemos a necesidade nin a urxencia que xustifique unha modificación da Normas subsidiarias mentres se está tramitando o novo PXOM. Non hai unha previsión de incremento de poboación en Bergondo que xustifique a necesidade desta modificación para construír unha urbanización e unha área comercial. Pensamos que deberá ser aprobado, ou non, có PXOM que ordenará todo o solo do concello”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.

“No documento alude continuamente a que se trata do mesmo planeamento que recolle o PXOM en tramitación, mais a realidade é que o Plan Xeral non foi sequera a aprobación inicial e non foi debatido en ningún órgano do concello, sen embargo condicionaría a ordenación de San Cidre coa construción dunha área comercial de 2 plantas e máis de 5000 m2 e 55 vivendas en edificios de 2 pisos e baixo. Ademais a area comercial e industrial que inclúe esta modificación duplica a superficie que recolle o PXOM. O ámbito que recolle o PXOM en tramitación abarca 1,8 hectáreas e o que recolle a modificación das normas subsidiarias ocupa case o dobre de superficie, 3,4 hectáreas”, engade o portavoz nacionalista.

Falta de xustificación da capacidade do tratamento de augas residuais

“O proxecto non xustifica debidamente a capacidade do tratamento de augas residuais que propón. Contempla que o saneamento conectará coa EDAR de Fiobre, que xa ten problemas neste momento. Hai queixas veciñais continuas polo mal funcionamento desta EDAR até o punto de que a praia do Regueiro en Fiobre leva máis de 5 anos pechada ao baño pola contaminación por fecais da auga e xa está mesmo excluída das analíticas das zonas de baño da Xunta de Galiza”, explicou Carro. “Pensamos que faría falta unha información máis polo miúdo do tema de saneamento e depuración de augas residuais no caso de que se aceptase continuar con esta modificación das NSP, estudo que debera cando menos recoller datos sobre a capacidade máxima desta Depuradora, a súa situación actual e os motivos que provocan a mala calidade da auga na zona do Regueiro e as alternativas antes de sobrecargar esta infraestrutura”.

Contrarios á necesidade dunha grande área comercial e de edificios de pisos

Desde o BNG pensamos que en concellos como Bergondo debemos apostar polo pequeno comercio de proximidade, pola produción propia e a posta en valor dos produtos de calidade e por un desenvolvemento ambientalmente sostíbel, o que se ven demostrando incompatíbel coa instalación de grandes superficies comerciais e hipermercados que teñen unha repercusión directa sobre o pequeno comercio, e que ademais teñen en número máis que suficiente presencia nos concellos limítrofes como Betanzos ou Sada.

“A solución para San Cidre non é seguir promovendo obra nova no núcleo senón preservar o que aínda queda do núcleo tradicional e evitar cambiar a tipoloxía construtiva por outra con usos mais intensivos allea ao que tradicionalmente o caracterizou”, engadiu David Carro.

O BNG reclamou que se faga público se existe ou non un convenio con GADISA e en que termos

 “No punto primeiro do borrador ou memoria de información informa de que ‘no momento actual xurde a oportunidade de desenvolver urbanísticamente os terreos, mais non aprofunda en como se substancia esta oportunidade. Probabelmente se refire a un convenio urbanístico que o Concello anunciara hai uns anos coa empresa GADISA para unha superficie comercial nese lugar, mais non concreta se existe un convenio con esta empresa, nin en que termos e de non ser así cal é a oportunidade que xurde neste momento para facer urxente este desenvolvemento. Pediriamos que se concretase esta información para poder valorar os beneficios para o concello e a veciñanza desta modificación”, conclúen os nacionalistas.