O BNG pediu a dimisión do alcalde de Abegondo despois de coñecer que se lle abre xuízo oral por prevaricación continuada

Cristina López é a responsábel comarcal do BNG

O BNG pediu a dimisión do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, despois de coñecerse que se lle abre xuízo oral esta semana por un delito de prevaricación continuada relacionada coa concesión de licenzas en terreo rústico na Fraga en Limiñón. O BNG foi o único grupo, polo momento, que reaccionou diante da nova da apertura de xuízo ao alcalde de Abegondo.

“Pensamos que Santiso ten que presentar a súa dimisión porque non é de recibo que se aferre ao posto mentres está a ser xulgado por prevaricación”, afirmou a portavoz do BNG, Cristina López. “Un alcalde ao que xa lle anularon dous PXOM e que ten un xuízo aberto por conceder licenzas en rústico, ten que asumir a súa responsabilidade e presentar a súa dimisión”, engadiu.

“Este tipo de actuacións desacreditan a labor política, xa que parece que hai persoas que están por enriba do ben e do mal e que se aferran ao posto e se seguen presentando ás eleccións a pesar de estar imputados desde hai 10 anos”, criticou a portavoz do BNG. “Curiosamente estes días coñecemos que o alcalde do PP de Oza-Cesuras foi obrigado pola APLU a derribar un edificio construído tamén en solo rústico ou a imputación dos exalcalde e actual tenente alcalde do PP de Miño por fraccionar contratos. Está claro que o PP ten un problema e ten que actuar e garantir a honestidade dos seus candidato”, engadiu.

O BNG pediu ao PP que actúe para reclamar a dimisión de Santiso Miramontes

“A explicación de que Santiso Miramontes non está afiliado ao PP desde o ano 2009, non é escusa para que o Partido Popular eluda a súa responsabilidade, xa que despois dese ano presentárono de 2 veces máis como cabeza de lista do PP e mantéñeno de alcalde co apoio dos 7 concelleiros do Partido Popular. O que ten que facer o PP e pedirlle a dimisión e non volver a presentalo como candidato á alcaldía para as seguintes eleccións”, indicou a portavoz nacionalista.

Desde o BNG recordan que o PP está utilizando a escusa de que os imputados e xulgados do Partido Popular se dan de baixa do Partido para non ter que actuar en casos que son sangrantes. “Todas coñecemos outros exemplos como o caso do ex-alcalde de Sada e portavoz do PP na localidade na que o Partido Popular tamén afirma non poder facer nada pese a ter 2 xuízos pendentes. É un escándalo”, afirmou a portavoz do BNG. “Quen sostén o goberno de Miramontes é o PP e se quere demostrar que non é certo o que ten que facer é presentarlle unha moción de censura cos outros 7 concelleiros do Partido Popular no concello, ou é que eses tampouco son concelleiros do PP?”, concluíu López.