O BNG de Aranga pide plenos pola tarde e a publicidade das actas plenarias

Carlos Diaz é o portavoz do BNG en Aranga

A organización nacionalista, sen representación no pleno, demandou tamén un cambio na hora do pleno, a fin de facilitar a asistencia á veciñanza. As reunións habitualmente son ás 13 horas e os nacionalistas reclaman plenos en horario vespertino.

“A hora do pleno debería facilitar a participación veciñal, non a comodidade dos e das concelleiras. Se pos un pleno á unha tarde, parece que che interesa que ninguén asista aos plenos”, argumenta Díaz.

Piden que se publiquen as actas plenarias, como esixe a Lei de Transparencia

O BNG móstrase crítico co que considera o “escurantismo” da xestión do PP, ao que acusa de estar interesado en impedir a fiscalización da súa acción de goberno por parte da oposición.

“A Lei de Transparencia esixe a publicidade das reunións plenarias, salvo casos moi taxados, e o Concello leva sen publicar as actas desde abril de 2016. Dar publicidade á xestión cotiá dos asuntos públicos axudaría a prestixiar o propio goberno. Negar a información é transmitir a idea de que os asuntos públicos son cousas do alcalde ou no mellor casos do resto da Corporación. Non é a nosa idea de democracia local”, criticou o portavoz nacionalista.

Solicitan que as axudas municipais se asocien ao nivel de renda

No punto 6 do pleno resolveranse as alegacións presentadas á ordenanza de fomento da natalidade, das que transcendeu cando menos a presentada polo BNG, que pedía asociar as axudas municipais, incluídas as de natalidade, á capacidade económica da veciñanza.

“A  ordenanza, tal como está redactada, non garante que as familias máis necesitadas reciban o apoio económico do concello, polo que solicitaron que a ordenanza teña en conta “a capacidade económica, dando maiores axudas a quen máis as necesita”, resume o responsábel local do BNG, Carlos Díaz.