Gelo abre as portas de Alternativa aos edís tránsfugas de Bergondo

Fariña é o portavoz de Anova no Concello de Bergondo

Alternativa dos Veciños, o partido que goberna Oleiros, está aberto para Juan Fariña e Eloy Babío. En plena pugna polo control do Consorcio das Mariñas, do que Bergondo é integrante, o rexedor oleirense, Ángel García Seoane, “Gelo”, anunciou na rede social facebook que “Alternativa dos Veciños bríndase a colaborar e asesoralos en temas municipais”.

Gelo expresou publicamente o seu apoio aos dous edís de Bergondo que abandonaron Anova, asegurando que tanto Fariña como Babío “velan polos intereses dos veciños”. Así, aproveitou para arremeter contra Anova, cuxo portavoz nacional é o veciño e exedil de Bergondo Antón Sánchez, porque “pretendíase impoñer directrices á xestión que realizan dentro do Concello Juan Fariña e Eloy Babío”, que abandonaron a agrupación, segundo García Seoane, “por discrepancias co dirixente Antón Sánchez, que tamén é veciño deste municipio”.

“Apoio a decisión adoptada por Fariña e Babío e lamento a actitude dos dirixentes que unha vez que acadan o poder en altas latitudes esquécense das persoas que os elevaron” reprobou Gelo.

Non é a primeira vez que este rexedor fai un ofrecimento a Fariña, que agradece as súas palabras. “Que alguén da talla de Seoane diga algo así me parece dun extraordinario valor”, afirma o edil, que non descarta integrarse en Alternativa.

Os concelleiros de Anova en Bergondo deixan o partido mais seguirán no goberno