O BNG alega á modificación das Normas subsidiarias en San Cidre e PSOE-Anova defenden o proxecto

PSOE e Anova defenden o plan de San Cidre polos postos de traballo do hipermercado previsto

O BNG anunciou que presentará alegacións á modificación das Normas subsidiarias en San Cidre, no trámite de información previa ao informe de avaliación ambiental estratéxico. Os nacionalistas non comparten a necesidade nin a urxencia desta recualificación para levala a cabo como modificación das Normas Subsidiarias mentres se está tramitando o PXOM. “Se a modificación fose para conseguir solo para unha dotación público para un servizo para a veciñanza como un xeriátrico ou un centro de día público entenderiamos a urxencia mais para recualificar para construír unha urbanización e unha área comercial sinceramente non vemos que urxencia ten, para non poder agardar á aprobación do Plan Xeral”, explicou o portavoz do BNG, David Carro.

“No propio borrador da modificación alude a que no momento puntual ‘xurde a oportunidade’ mais non especifica en que se concreta esta oportunidade. Pensamos que o goberno ten que informar claramente á veciñanza de se se refire ao convenio urbanístico que anunciaron hai case 2 anos con Gadisa e se é o caso que nos expliquen en que condicións se vai producir este convenio e en que vai beneficiar aos veciños e veciñas”, engadiu o nacionalista.

“No documento alude continuamente a que se trata do mesmo planeamento que recolle o PXOM en tramitación, mais a realidade é que o Plan Xeral non foi sequera a aprobación inicial e non foi debatido en ningún órgano do concello, sen embargo condiciona a ordenación de San Cidre coa construción dunha área comercial de 2 plantas e máis de 5000 m2 e 55 vivendas en edificios de 2 pisos e baixo”, criticou o portavoz nacionalista. “Non entendemos a necesidade de planear edificios de pisos mentres o Concello de Bergondo perde poboación e temos un 10% da vivenda baleira segundo o propio borrador”, engadiu.

O proxecto contempla que o saneamento vaia á EDAR de Fiobre, que xa ten problemas neste momento, e que tería que asumir a poboación de 55 novas vivendas máis a área comercial. “Hai queixas continuas polo mal funcionamento desta EDAR até o punto de que a praia de Fiobre leva máis de 5 anos pechada ao baño pola contaminación por fecais da auga”, indicou Carro.

Cuestionan a necesidade do proxecto, que o bipartito avala

Desde o BNG consideran que este proxecto non é necesario, xa que Bergondo leva anos perdendo poboación ao igual que o resto das Mariñas e polo tanto non hai necesidade de nova vivenda, “mais en todo caso se a houbese nos defendemos que se permita construír arredor dos núcleos rurais ou da zona urbana como Guísamo en extensivo, xa que o modelo de urbanizacións só beneficia aos promotores e favorece a especulación, en lugar de favorecer á veciñanza”, concluíu Carro.

O goberno local de PSOE e Anova defendeu onte que a modificación do planeamento na contorna de San Cidre supoñerá “un cambio no corazón de Bergondo” que permitirá dotar ao núcleo de máis equipamientos públicos e mellores vías de comunicación. O goberno local (PSOE e Anova) remitiu onte un comunicado aos medios no que apela ao “interese xeral” para tramitar esta modificación puntual das normas subsidiarias sen esperar á aprobación do plan xeral, en trámites. “O obxectivo é reforzar e completar o núcleo de Bergondo”, afirman desde o goberno, que destaca que o plan permitirá triplicar a zona verde. “Servirá tanto de parque de proximidade, como de referencia de lecer e deporte para o conxunto da poboación”, afirma.

A coalición de goberno entre PSOE e En Marea asegura que o plan garantirá a construción dun novo equipamento, aínda por definir, e que permitirá desenvolver unha zona residencial de vivendas colectivas en altura, pero, sobre todo, creará postos de traballo no hipermercado que se prevé na zona. Insisten en que a modificación puntual das normas subsidiarias inclúe tamén un novo ramal de acceso da AC-164 que conectará a rotonda coa AC-162, que permitirá mellorar a mobilidade na zona, manter o vial existente ao carón da cafetería os Condes como peonil e eliminar o acceso directo á AC-164 co deseño dunha nova conexión.