Anova afonda no conflito cos seus exconcelleiros en bergondo acusándoos de ir en contra da democracia

Casa do Cortés en Guísamo, un dos proxectos urbanísticos que defendeu Anova

Antón Sánchez, portavoz nacional e exconcelleiro de Anova en Bergondo, segue tratando de facer pasar por discrepancias urbanísticas a descomposición da agrupación na localidade. Logo de que os edís tránsfugas denunciasen as “inxerencias” do líder da formación e de que o alcalde de Oleiros mesmo o acusada de “olvidarse” de quen o situara na súa actual responsabilidade, remitiu un novo comunicado insistindo na idea do cisma urbanístico.

Durante tres anos e medio Anova non se manifestou en ningún momento sobre os proxectos urbanísticos do executivo local, tanto cando apoiaba ao executivo local fóra do goberno como logo coa súa integración. Os edís de Anova, e propia formación nos seus medios de comunicación, mesmo atacaron a BNG e VB por reprobar os planeamentos previstos para A Longueira, a finca da Casa de Cortés de Guísamo ou o entorno do Concello, e pola controvertida depuradora de Gandarío. A formación, a través das súas redes sociais, atacaba ás formacións que censuraban estes proxectos, nun tono que se incrementou coa súa entrada no executivo municipal para reforzar ao PSOE.

Agora vira por completo e pretende situar eses desenvolvementos que defendía publicamente no centro da controversia cos seus xa exedís. Onte, por medio dun comunicado, a formación asegurou que no seu seo tómanse as decisións de xeito conxunto e dun xeito democrático onde, di, “o voto dun concelleiro vale o mesmo que as de calquera outro militante”. Aseguran que, agora, a proposta de construír un hipermercado e bloques de pisos en torno ao Concello “foi debatida en asemblea e rexeitada” e cualifica a cuestión de “unha manobra pouco clara, destinada a beneficiar intereses privados”.