Bergondo anunciou onte que acaba de finalizar as obras de mellora e asfaltado de varios camiños

O Concello de Bergondo anunciou onte que acaba de finalizar as obras de mellora e asfaltado de varios camiños en seis parroquias mediante regos asfálticos. A actuación executouse por 81.000 euros con fondos municipais e realizouse en vías que teñen pendente a instalación de servizos ou que non son estruturais.

Os camiños asfaltados presentaban unhas condicións deficientes para o tránsito de peóns e vehículos debido ao mal estado do firme e os seus elementos funcionais. Asfaltouse a travesía de San Cidre (Bergondo), o camiño do Casal a Rois (Rois), o de Trasdoval (Vixoi), os da Fraga e Os Curros (Cortiñán), A Brea e Pedras Brancas (Guísamo) e en Outeiro e os núcleos Campo Galán e Dornas (Lubre).