Baile de escanos na comarca

Antón Sánchez e Juan Fariña tras abandonar o BNG en Bergondo

Juan Fariña e Eloy Babío anunciaron esta semana a súa marcha de Anova, baixo cuxas siglas foran eleitos o pasado 2015. A saída converteuse nun cruce de descualificacións entre eles e o que queda da formación no municipio, con palabras de groso calibre. Levan as actas, como levaran en 2012 o propio Fariña e o portavoz nacional da formación, Antón Sánchez, cando tras rachar co carné do BNG levaron as actas, a cabeceira do xornal que editaban os nacionalistas bergondeses e, supostamente, tamén o programa que ao longo de décadas perfilara o BNG bergondés.

O mesmo día que anunciaron a súa saída do BNG, Antón Sánchez e Juan Fariña anunciaron que pasaban a ser a Asemblea Nacionalista de Bergondo. Posteriormente, Sánchez colocouse detrás de Beiras para acabar como deputado por AGE e En Marea e situarse como portavoz nacional de Anova. Mentres, Fariña, que xa participara nunha candidatura do PP, achegouse ao que co tempo foi CxG, antes de acabar con Sánchez na Anova bergondesa. Coa marcha de Sánchez ao Parlamento, Fariña foi portavoz municipal e, logo, candidato da marca. En todo ese tempo, gardaron silenzo ou respaldaron-mesmo criticando ao BNG por se opoñer a eles desde a actual lexislatura como socios de lexislatura primeiro e de goberno do PSOE despois- proxectos aos que historicamente o nacionalismo se opuxera, como a depuradora de Gandarío, a ampliación da Pedralba, a urbanización da Longueira incluída no Plan Xeral ou a modificación urbanística para construír pisos na Casa de Cortés de Guísamo ou en torno ao Concello.

Bergondo, á cabeza en transfuguismo esta lexislatura

Mais a marcha de Fariña e Babío non é, de lonxe, o primeiro cambio de siglas na comarca. Bergondo está a ser esta lexislatura un municipio prolífico en fenómenos de transfuguismo desde 2015. Aos dous edís de Anova hai que sumar o cambio de siglas de Tita Sanjurjo. A que fora cabeza de lista en 2015 polo PP bergondés, abandonou a formación cun sonoro portazo por desavinzas coa organización qeu acabaron co nomeamento dunha xestora non afín á candidata. Segue na Corporación como non adscrita, e no municipio rumoréase que tantea xente de cara a unha eventual candidatura.

Pola dereita, outro sonado cambio de siglas levará a Manuel Fafián ao cartel do PP para 2019. O edil, que fora integrante xa do PP e abandonara a formación para fundar Veciños de Bergondo (VB) volve a casa. O partido integrouse no PP aportando a súa actual representación á formación conservadora.

CxG quedou sen representación por unha expulsión e un caso de transfuguismo

Muíño (1º esquerda), e Oroza (2º dereita) na presentación das candidaturas de CxG

O alcalde de Miño, que se presentara no 2015 por CxG e foi expulsado por pactar co PP e agora ten o seu propio grupo, Miño Plataforma Aberta. Sánchez Oroza nin sequera chegara a integrarse no grupo municipal de CxG, porque pactou a investidura co PP- extremo este reprobado polo propio Juan Fariña, que acusaba á formación rexionalista de non mirar quen metía nas candidaturas. Tras días defendendo a operación, a dirección nacional de CxG anunciou que o desvinculaba das siglas.

O outro edil obtido pola formación, o betanceiro Alberto Muíño, abandonou tamén este grupo quedando coa representación, cando CxG acordou non integrarse en En Marea, pola que Muíño fixo campaña. Argumentando un “cambio de nome” do grupo, agora di representar a Betanzos en Común (BeC).

En Curtis, os tres edís do BNG saíron do partido quedando coas actas. Pretendían mudar o nome do grupo, denominándose “asembleas abertas”. Un informe do secretario e da asesoría xurídica da Deputación botou por terra a súa pretensión, mentres que o secretario de Betanzos avalou a Muiño para facer exactamente o mesmo movemento.

En tan só 3 anos, moitos foron os que abandonaron o partido polo que foron elixidos e seguiron sendo concelleiros, os cambios parecen acelerarse coa cercanía das municipais. Os casos de renuncia ás actas son, pola contra moito menos numerosas.

Mocións de censura con tránsfuga

Aínda non moi lonxe quedan as mocións de censura con tránsfuga na comarca. Ramón Rodríguez Ares e José Antonio Santiso Miramontes foron apartados do PP tras valerse de senllos tránsfugas do PSOE para derrubar os gobernos que os apartaran da alcaldía. O primeiro fundou o PDSP, clave para devolver o bastón de mando ao PP en Sada. O segundo preséntase polo PP aínda a día de hoxe.

O que é un tránsfuga

O diccionario xurídico da RAE, editado coa colaboración do Consello Xeral do Poder Xudicial, define un tránsfuga como aquela “persoa que cun cargo público non abandona este ao separarse do partido que o presentou como candidato”. Para tal definición, apóiase nunha sentenza do Tribunal Constitucional que remarca que “a actitude do tránsfuga, aínda exercendo un dereito individual (…) altera, aínda nun segundo nivel, a vontade democrática, pois a votación a un determinado partido político non se efectúa só pola calidade das persoas que o integran nas listas electorais, senon pola perspectiva ideolóxica e política que representan”.

A doutrina é unánime ao sinalar como, en caso de abandono dos partidos políticos nos que integraron a candidatura, os concelleiros teñen que pasar a ser considerados edís non adscritos. Así o remarca, por exemplo,