AxA agora tamén pide a dimisión de Santiso

Gelo e Santiso Miramontes na canceira de Abegondo dependente do Consorcio

Catro días despois de que o BNG, sen representación no Concello, reclamase a dimisión de Santiso Miramontes pola apertura do xuízo oral contra el por suposta prevaricación, AxA sumouse á demanda dos nacionalistas, tirando por elevación. A portavoz de Alternativa por Abegondo (AxA), Fátima Insua, pide ao presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que “nun exercicio de coherencia”, esixa a dimisión do alcalde Abegondo e exconselleiro, José Antonio Santiso Miramontes, acusado da comisión dun presunto delito de prevaricación urbanística continuada”. A líder da oposición reclama actuar ao xefe dos populares galegos seis días logo de transcender que se abrirá xuízo oral, os días 28 e 29 deste mes, por permitir a construción de vivendas en chan rústico.

Ínsua manifesta “a absoluta confianza na Xustiza” que teñen ela e os seus compañeiros de grupo. Ante a gravidade dos feitos recolleitos no escrito da Físcalía, no que se indica que os acusados actuaron “con grave desprezo á necesaria utilización racional do territorio” e fixérono “postergando os intereses xerais” e facendo posible “a concesión de numerosas licenzas urbanísticas en chan non urbanizable (rústico de especial protección nalgúns casos)”, sinala, defende que “o dano para a imaxe do concello xa está feito, o mesmo que para o patrimonio dos veciños xa que Abegondo urbanísticamente leva 20 anos á deriva, con normas subsidiarias e un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) anulados e con este alcalde como único culpable dese caos e mala imaxe”, sostén.

Polo momento, Son Abegondo, a marca local de En Marea no municipio, cun concelleiro, garda silenzo.